O navegador web Opera integra unha VPN ilimitada de balde

xoves, 21 de abril do 2016 Marcus Fernández

Atraer a usuarios a empregar un navegador web resulta complicado, xa que o público tende a non saír dos tres principais (Internet Explorer, Chrome e Firefox), pero dende Opera souberon ver unha oportunidade no contexto actual no que o público está moi preocupado pola seguridade das súas comunicacións, de aí que pode resultarslles interesante a última innovación da versión de escritorio de Opera: a integración dunha rede privada virtual (VPN) ilimitada e de balde, de xeito que cando empreguemos esta aplicación dende unha rede pública estaremos seguros de que a nosa navegación non será interceptada por calquera.
Opera ten incorporado aceleradores de descargas e incluso bloqueadores de publicidade (outra das súas funcionalidades estrela), pero o gozar de xeito nativo cun cliente de VPN de balde supón un grande incentivo para darlle unha oportunidade a este navegador web que non precisaría de pagamentos mensuais para poder acceder a esta funcionalidade nas versións de Windows, OS X e Linux, o que permite ocupar o enderezo IP do usuario, gozar de seguridade en redes Wi-Fi públicas e, especialmente, evitar os bloqueos de acceso establecidos a certos contidos en liña.

Vídeo de presentación da nova funcionalidade do navegador Opera

PUBLICIDADE