O modo de intérprete do Asistente de Google chega a smartphones

luns, 16 de decembro do 2019 Marcus Fernández

O pasado mes de febreiro os dispositivos Google Home estrearon modo de intérprete, facilitando traducións consecutivas entre dúas linguas dunha selección de 26, facilitando a superación de barreiras idiomáticas, o que pode resultar de grande utilidade para múltiples negocios, pero esta funcionalidade disparou nos últimos días a súa utilidade ao chegar ao smartphones, de xeito que calquera teléfono co Asistente de Google pode agora funcionar a xeito de intérprete.
O modo intérprete non se limita a móbiles con Android, senón que tamén está dispoñible para iOS, e para activalo podemos empregar diferentes ordes como simplemente dicir «modo de intérprete» ou «ayúdame a hablar en inglés» para que se active a tradución entre dúas linguas, identificando o teléfono a lingua na que se lle está a falar para traducir e ditar en voz alta o que escoita na lingua oposta, non sendo preciso que o usuario teña que indicar cal dos interlocutores está a falar, resultando así moito máis natural a conversa consecutiva.
O intérprete tamén conta con respostas rápidas, ou sexa, que fai suxestións de respostas que poderían darse sen ter que agardar a que a persoa teña que abrir a boca para dicir algo predicible, axilizando as conversas. Tamén é posible omitir a conversa en voz alta, e realizala mediante o teclado, o que resulta ideal para contornos silenciosos.
Actualmente o Asistente de Google integra a traducir entre 44 linguas, e coa súa incorporación a smartphones convértese nunha magnífica ferramenta para viaxeiros que conten con tarifa de datos móbiles cando van a territorios nos que non falen a súa lingua nativa.

PUBLICIDADE