O modo XP non será compatible con bastantes procesadores de Intel

mércores, 6 de maio do 2009 Marcus Fernández

O modo XP permitiría, por exemplo, executar o Internet Explorer 6 baixo Windows 7

O anuncio de que Windows 7 ía incluír un modo XP, para permitir o uso de vellas aplicacións que non funcionan axeitadamente en Windows Vista/7, pero si en XP/2000, está a presentar moitos peros, xa que consiste nunha virtualización real de Windows XP, polo que para facer uso desta característica será preciso contar con bastante memoria RAM, e un procesador compatible, o que parecía que non ía ser un problema, pero advirten de que especialmente os ordenadores portátiles poderían non poder gozar deste modo.
O modo XP só estará dispoñible para Windows 7 Professional, Enterprise e Ultimate (o que sería equivalente á opción de desactualizar de Vista a XP) e funcionaría en equipos con procesadores compatibles con Intel VT, de xeito que deixaría fóra a procesadores coma o Intel Core 2 P7350/7450, T5200/52500/5270/5300/5450/5470 e T6400/6570, que están instalados en moitos dos portátiles de gama media e baixa na actualidade. É de agardar que nos contornos corporativos (aos que vai dirixido o modo XP) non teñan este problema, pero os administradores de sistemas deberán comprobar se os seus equipos cumpren cos requisitos desta interesante funcionalidade.

PUBLICIDADE