O modelo de Ponte... Nas Ondas! recoñecido pola UNESCO estenderase no ensino galego

luns, 13 de novembro do 2023 S. P.

Galicia será pioneira en contar con centros que traballan cun modelo de boas prácticas recoñecido pola UNESCO, o modelo galego-portugués de Ponte... Nas Ondas!, que, como lembraremos, bota man das novas canles e formatos de comunicación (principalmente os podcasts) para estreitar lazos entre as comunidades educativas de ámbalas beiras do Miño, poñendo o foco na cultura inmaterial común. Segundo lembran dende PNO!, Galicia será unha referencia a nivel internacional grazas a extensión desta fórmula na súa educación, “pois non existe actualmente ningunha rede de ensino formal deste tipo impulsada desde un goberno”.
Así o confirmou o Consello da Xunta do pasado xoves 9 de novembro, que avaliou un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre a implantación deste modelo que ten como finalidade concreta “a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial mediante a sensibilización das xeracións máis novas desde a escola con actividades culturais e pedagóxicas”.
Dende a asociación Ponte... Nas Ondas! valoraron moi positivamente esta iniciativa da Xunta: “O sistema educativo galego será, así, un exemplo en materia de sensibilización co patrimonio desde a nenez”.
A incorporación desta acción ao sistema educativo farase a través dunha convocatoria aberta a todos os centros públicos que, de xeito experimental, contempla a adhesión nunha primeira fase de ata 20 centros públicos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Os seleccionados pasarán a formar parte da Rede de centros Ponte... Nas Ondas!
Ponte entre escola e sociedade
O modelo internacional de educación en materia de patrimonio Ponte... Nas Ondas!, recoñecido pola UNESCO hai un ano, será ademais un dos eixos a debate no 6º Congreso internacional Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade, que se celebrará entre os días 16 e 18 de novembro en Ourense e Portugal. A cita coincide co 20 aniversario da Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco.
Ao fío do Congreso, esta semana presentouse tamén no Concello de Ourense un evento paralelo, dirixido ao público infantil, que terá lugar de 11 a 13 horas, na praza Maior, e no que máis de 200 escolares de Primaria coñecerán unha ampla mostra de xogos tradicionais, que aprenderán a practicar coa axuda de monitores. O Congreso ten como sede a Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense (edificio de Ferro, que acollerá tamén a mostra Imaxes do Patrimonio, e unha exposición do 20 aniversario da Convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial).
Tres décadas de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… Nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 Ponte...nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

PUBLICIDADE