O ministro para a Transformación Dixital, José Luis Escrivá, visitou a sede do CITIC

luns, 22 de xaneiro do 2024 S. P.

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá Belmonte, realizou este luns 22 de xaneiro unha visita de traballo ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Neste encontro, o ministro puido coñecer as principais liñas de investigación que se están levando a cabo no centro, que lidera importantes proxectos de Intelixencia Artificial aplicada á biomedicina, a inclusión, a astronomía, a industria 4.0, a sustentabilidade ou a estatística.
Escrivá cualificou como “extraordinarios os proxectos e iniciativas que se están a desenvolver no CITIC, tanto a nivel de investigación como de transferencia de coñecemento e traballo coas empresas”. E engadiu: “Trátase de propostas que conectan moi ben coas prioridades do Ministerio e coas capacidades que se poidan desenvolver para que as novas tecnoloxías e, singularmente, a Intelixencia Artificial teña un impacto positivo sobre os cidadáns e axude a mellorar a vida da xente”.
Pola súa banda, o director do CITIC, Manuel González Penedo resaltou que “un dos nosos principais obxectivos como centro é a transferencia, poñer ao alcance da sociedade os resultados das investigacións, como así o demostra o feito de que sexamos referentes na atención a persoas con discapacidade a través de programas pioneiros, como Talentos Inclusivos ou o uso da IA para mellorar a predición e resposta en emerxencias transfronteirizas”.
O vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, destacou que “a Universidade e a cidade da Coruña teñen as capacidades e as ferramentas para organizar toda a arquitectura da IA. Dispoñemos dos centros e as empresas, moitas das cales son startups que foron concibidas na propia UDC. De feito, a Universidade da Coruña aposta pola colaboración con empresas TIC desde os seus centros de investigación, como o CITIC, para potenciar a transferencia efectiva de coñecemento. Todo iso propicia que a Cidade das TIC, que xa é unha realidade, poida converterse no futuro hub da IA”.
Durante a visita, o ministro de Transformación Dixital tivo a oportunidade de reunirse cun grupo de investigadores do centro que lideran proxectos punteiros, entre os que se atopaban Amparo Alonso, Minia Manteiga, Verónica Bolón, Nieves Brisaboa, Thais Pousada, Carlos Gómez e José A. Iglesias, xunto co director, Manuel González Penedo e o subdirector, Javier Pereira, ademais de membros do Consello Reitor do CITIC.
Tralo dito encontro, José Luis Escrivá fixo un percorrido polas instalacións do centro de investigación, visitando o demostrador tecnolóxico, un espazo singular no que puido coñecer dous dos proxectos nos que traballa actualmente o persoal investigador do centro, así como os escenarios de Realidade Virtual.
AESIA
A visita tamén puxo o foco no proxecto da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que terá a súa sede na Coruña. José Luis Escrivá resaltou o papel do CITIC e da UDC na axencia “que primeiro ten que converterse nun think tank, un centro de análise que xere coñecemento para que os cidadáns poidan coñecer as oportunidades que a IA xera”.

PUBLICIDADE