O mediático Leopoldo Abadía será un dos relatores convidados á XGN
xoves, 3 de maio do 2012
Xa hai uns cantos anos que a XGN (e
todas cantas parties informáticas se
celebran no noso país) deixaron de ser un encontro de frikis “sedentos” de
velocidade de conexión e tempo dabondo como para descargar tódalas series,
películas, videoxogos e pezas
audiovisuais que estaban de moda no momento, coas que cubrir o tempo de ocio dos
seguintes dez anos das súas vidas.
Agora este tipo de eventos teñen
un marcado carácter didáctico e formativo, e aos torneos de videoxogos e
proxeccións que xa se viñan celebrando para amenizar un pouco as xornadas e
evitar que aos participantes lles quedaran os ollos pegados á pantalla, hai que
sumarlle agora todo tipo de relatorios, obradoiros, actividades lúdicas, cursos
formativos, exposicións, sesións de traballo, mesas redondas e concursos de
todo tipo de temáticas, aos que poden asistir tanto as persoas inscritas como
as que veñen só de visita.
Isto é o que, a lo menos, imos
ter a oportunidade de ver na edición
deste ano da Xuventude Galicia Net, que organiza a Consellería de Traballo e
Benestar, e que xa anunciou a
presenza de relatores da talla do economista Leopoldo Abadía, que intervirá
o venres, día 4 de maio, ás 19:00 horas; ou do blogueiro Enrique Dans, que
ofrecerá un relatorio o sábado día 5, ás 11:00 horas.
Abadía, que saltou á fama na Rede
tralo seu paso polo
programa de Buenafuente, é defensor da chamada “Teoría Ninja”, grazas á cal explica de xeito moi analítico os
conceptos máis difíciles de entender da teoría económica.
Estas conferencias, ao igual que
tódolos actos que teñan lugar na Extranet,
son de entrada libre, e non é preciso ser algún dos mil inscritos que onte
esgotaron as prazas convocadas para este ano.
A estas intervencións hai que
sumarlle a de Juan Gestal, autor do blog Pixfans.com; a de Jordi Pérez Colomé,
xornalista e blogueiro; a de Rubén Bastón (sábado ás 17:00 horas), da firma
galega Elogia; e a do emprendedor Javier Megías (o sábado ás 12:00 horas), especialista en emprendemento, así como a de outros convidados
que ata a mañá do domingo día 6, iranse achegando ata o Pazo de Congresos de
Santiago de Compostela para participar na edición máis completa da XGN.
A maiores haberá un coloquio de
voluntariado que contará coa presenza de representantes da Fundación Bip Bip,
da Fundación Hazloposible e de BritishTelecom, no que se mostrará a cara máis
amable e solidaria dos amantes das TIC.