O letrado das Cortes Pablo García Mexía expón en Santiago os riscos actuais para a Rede libre

mércores, 21 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa


Comezaron finalmente, achegando partes actuais e actualizados da interrelación TIC-Xustiza, as Xornadas sobre Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG. A quinta edición deste evento, que xunta arredor dun centenar de profesionais de ámbolos ámbitos (novas tecnoloxías e Xustiza), estase a desenvolver na Cidade da Cultura de Santiago centrando unha boa parte do seu programa temático na cibervixilancia. A xornada comezou ás 9.00 horas coa inauguración oficial a cargo do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Logo desenvolveuse o relatorio Os retos xurídicos da ciberseguridade, a cargo do letrado das Cortes, Pablo García Mexía, autor de A Lei na Rede.
O primeiro relator do día puxo aos asistentes ao tanto do que implica, hoxe en día e dunha maneira actualizada, o termo ciberseguridade. Falou de novos escenarios bélicos, para os que unha chea de países se están a preparar, incluído España. Falou tamén de ciberterrorismo e de até que punto se estende e esa afianza esta modalidade de ciberdelincuencia, chegando a estar promovida e auspiciada por determinados Estados e entidades gobernamentais (non só por internautas ou bandas de internautas ou por empresas que buscan xeitos de facerse cos segredos de outras empresas). Na súa opinión, aínda que o problema da ciberdelicuencia e o ciberespionaxe é un problema que os gobernos deben ter moi en conta (e afrontalo e combatelo), tamén é certo que hai unha liña de privacidade que non se pode pasar. Un exemplo é a actitude recente que os Estados Unidos fixeron da Rede e a información que acubilla, dando como resultado unha actitude de “barra libre de datos en relación ás operadoras”. Ao seu xuízo, hai unhas barreiras e unhas normas de protección de información que cómpre respectar. “É necesario salvagardar os dereitos e liberdades”, dixo, ao tempo que engadiu que estas normas de conduta non són só aplicábeis a todos os axentes que operan no ciberespazo e teñen ao seu alcance a información dos demais, senón tamén a nós mesmos. “Debemos ter en conta que unha vez que poñamos algo na nube, xa pode ser accesíbel a outros”, sinalou.
García Mexía tamén falou da conexión entre gobernabilidade e ciberseguridade e das distintas modalidades que esta conexión adopta. Segundo fixo saber, hai unha visión europea e occidental de como protexernos na Rede ao tempo que protexemos a privacidade (COE Cybercrime Convention, o Convenio de Budapest), trátase dun modelo de liberdades occidental (“en Internet pódese dicir calquera cousa agás que sexa legal”). Esta visión, porén, está en fase de risco polo medre e espallamento doutras visións, as que achegan países como Rusia ou China, que teñen outro punto de vista radicalmente diferente e que choca de fronte, de maneira directa, coa Internet libre e aberta. “Trátase este dun momento especialmente delicado no que nos estamos a xogar a Rede”, explicou, engadindo a necesidade de impulsar tratados internacionais de consenso.

PUBLICIDADE