O labor de promoción do eDNI sitúanos por riba da media estatal no seu uso

mércores, 20 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Sabemos para que serve o DNI electrónico alén dos mesmos procesos nos que usabamos a anterior tarxeta identificativa? A resposta a esta pregunta, de saírmos á rúa con ou sen lector deste tipo de dispositivos, sería nunha boa parte dos casos negativa, tal é o descoñecemento sobre a potencialidade da tarxeta. De feito, como informa Galicia Hoxe e nós mesmos hai unhas semanas, un de cada catro cidadáns galegos tira partido do seu DNI electrónico. Con todo, a cifra non debe provocar moito arrepío, e máis se a comparabamos coa media española de uso (24%). Por unha vez, semella que estamos algo por enriba da media estatal, avance que segundo o xornal galego se debe ao labor despregado por Caixa Galicia, que contribuíu e moito a informar das vantaxes do novo DNI.
Para facernos unha idea, dos 17 millóns de españois que xa contan con este documento dixital, máis de un millón pertencen á nosa comunidade. Tamén compre salientar que estamos por enriba de Madrid en uso da tarxeta (o 26% do noso perante o 22% deles). Como dixemos, unha boa parte da culpa destes relativamente positivos resultados galegos podería deberse a Caixa Galicia, quen para os labores de difusión das vantaxes e funcionalidades do DNI é socia do Ministerio de Industria. Segundo engade Galicia Hoxe reflectindo información da entidade financeira, dentro da banca dixital da caixa incrementáronse os accesos mediante DNI electrónico nun 400% dende setembro do ano pasado, e a metade deste ano xa eran cae 2.000 os usuarios desta canle dixital.

PUBLICIDADE