O labor de despregue de equipos e redes de Litriumtech, recoñecido pola Fundación CEL

xoves, 22 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Foto final de tódolos premiados pola Fundación a raíz da súa contribución á innovación empresarial

A Fundación CEL-Iniciativas por Lugo vén de facer entrega dos seus XII Premios á Iniciativa, á Actividade e á Promoción, encamiñados a recoñecer o máis salientable da innovación empresarial no eido xeográfico da provincia. Coma en anteriores convocatorias, as novas tecnoloxías adaptadas a tódolos eidos de xestión e produción estiveron presentes na listaxe final de iniciativas gañadoras. No acto final deste certame, que contou coa presenza do presidente da Xunta (Alberte Núñez Feijóo), recoñeceuse o labor de Mamut Technology (dentro da modalidade de Proxectos de Creación de Empresa) e máis o de Litriumtech Hardware (na categoría de Proxectos Universitarios de Creación de Empresa). Esta última iniciativa, a que nos toca ben de preto pola natureza da súa actividade, céntrase en achegar servizos externos de enxeñaría electrónica para as empresas TIC, servizos que van dende o deseño e desenvolvemento de equipos electrónicos a medida até a instalación e planificación de redes sen fíos e proxectos de fogar dixital.
A firma, que foi posta en marcha por Carlos López Méndez (enxeñeiro superior en Telecomunicacións), recibiu de mans da Fundación CEL unha estatua, un diploma de mérito e máis 1.800 euros.
Na cerimonia de entrega de recoñecementos, que se celebrou no club de campo As Bridas, tamén se salientou cun accésit na modalidade de proxectos universitarios á iniciativa Tenis Manager. A categoría pechou coa entrega do Premio á Investigación e á Innovación Aplicada á Empresa, patrocinado por Caixanova, que recaeu no proxecto Asistencia técnica do Departamento de Xenética da USC a Ovapiscis para a obtención de reprodutores de troita arcoiris en cultivo. Concedeuse tamén nesta modalidade un accésit, para o proxecto Produción e caracterización de Echinacea Purpurea Moench baixo distintos métodos de control de adventicias en Galicia.
Nesta edición, o Padroado da Fundación CEL quixo outorgarlle unha mención de honra, da man do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, a Óscar Fernández de la Vega, profesor titular de Administración de Empresas do IES Gregorio Fernández de Sarria, polo seu labor de difusión da cultura emprendedora entre os seus alumnos.
A categoría de Premios á Actividade Empresarial resolveuse, na modalidade de Premio á Calidade, Seguridade Industrial e Protección Medioambiental, a favor da empresa monterrosina Alibós Galicia, que recibiu o galardón da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, e, na modalidade de Premio ao Compromiso Social e á Creación de Emprego, a favor de Maderas Besteiro, que recibiu o galardón por parte do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.
O Premio á Promoción, na súa modalidade única de Premio á Promoción Exterior da Provincia de Lugo, dado polo presidente da Xunta de Galicia, recoñeceu ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

PUBLICIDADE