O investigador Francisco Zayas (UDC), Premio Nacional IDOM á mellor tese doutoral en Control Intelixente

venres, 28 de xullo do 2023 S. P.

O investigador e profesor da UDC, Francisco Zayas Gato, recibiu recentemente o primeiro Premio Nacional IDOM á mellor Tese Doutoral en Control Intelixente por Implementación de algoritmos de asistencia e recomendación para a toma de decisións e detección de situacións singulares en sistemas complexos mediante técnicas intelixentes; traballo que tivo como directores a José Luis Calvo Rolle e Esteban Jove Pérez, membros do CITIC.
O Grupo Temático de Control Intelixente do Comité Español de Automática (CEA) é quen convoca esta distinción coa finalidade de “recoñecer e estimular a investigación desenvolvida por estudantes de doutoramento en relación coa temática do control intelixente”.
A tese premiada aborda a implementación de sistemas intelixentes capaces de ofrecer asistencia, que foron validados en diversas contornas, tanto médicas como industriais. Segundo reflicte o CITIC, “esta valiosa ferramenta ten a capacidade de recomendar ao usuario, en tempo real, sobre que decisións é conveniente tomar”, e ademais, ao seu abeiro deséñanse e impleméntanse mecanismos baseados en Intelixencia Artificial para detectar situacións singulares en sistemas complexos sen ter coñecemento previo dos mesmos, “o cal supón unha importante vantaxe á hora de paliar de maneira precoz as súas potenciais consecuencias”.

PUBLICIDADE