O inicio das obras do Centro de Servizos Avanzados marca a materialización definitiva da Cidade das TIC

mércores, 4 de maio do 2022 S. P.

Na mañá deste mércores 4 de maio oficializouse finalmente o inicio das obras para converter a antiga Fábrica de Armas da Coruña na Cidade das TIC, un futuro polo de coñecemento, innovación, investigación, formación e emprendemento arredor das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. En concreto, materializouse o comezo dos traballos para levantar o Centro de Servizos Avanzados dito complexo TIC. Participaron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a subdelegada do Goberno, María Rivas, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o reitor da UDC Julio Abalde, a alcaldesa Inés Rey, o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, e o arquitecto gañador do concurso, Carlos Pita.
Na súa intervención, José Miñones afirmou que “a Cidade do TIC é a primeira pedra do novo modelo industrial sustentábel e innovador que impulsa o Goberno para transformar Galicia” e exaltou a colaboración institucional e a “cogobernanza entre administracións, que fixo posíbel que as instalacións da vella Santa Bárbara se converteran no maior centro tecnolóxico de Galicia”. O delegado lembrou que os 28.000 metros cadrados cedidos polo Goberno para a Cidade do TIC teñen “un valor de 50 millóns de euros” e celebrou que nos vindeiros anos se vaia empregar a superficie da antiga Fábrica de Armas para “impulsar o desenvolvemento económico e social de Galicia”.
Polo que respecta a Francisco Conde, sinalou que Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC na Coruña “funcionará como unha xanela única para o sector, e axudará a difundir as vantaxes das Tecnoloxías da Información e da Comunicación en todo o tecido empresarial, especialmente nas pequenas e medianas empresas”. Conde, que asistiu ao acto de inicio das obras deste edificio, o primeiro dos que albergará a Cidade das TIC, subliñou que este complexo tecnolóxico é “un proxecto integrador, estratéxico e innovador que fará de Galicia un referente no desenvolvemento do sector, que contribuirá á transformación dixital nun momento relevante onde a tecnoloxía se presenta como unha ferramenta imprescindíbel para incrementar a competitividade, a produtividade e a sustentabilidade de todos os sectores da economía”.
Na súa intervención, o conselleiro tamén enxalzou a colaboración público-privada que permitiu a posta en marcha da Cidade das TIC, “un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia que é posíbel grazas á implicación das administracións, da Universidade da Coruña, o Clúster TIC e do conxunto das empresas do sector.
Conde lembrou que dende a Xunta estanse a impulsar as primeiras propostas que terán cabida neste complexo “con achegas que superan os 5,4 millóns de euros”, é dicir, “o 85% de todo o investimento comprometido ata agora, arredor de 6,34 millóns de euros”. Así, ademais do Centro de Servizos Avanzados, a Xunta tamén apoia a instalación do Galaxy Lab, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), un centro de investigación e experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas. Segundo subliñou o vicepresidente económico en funcións, estase a crear no complexo coruñés un ecosistema que permitirá incorporar as TIC en todas as cadeas de valor e na mellora dos servizos á cidadanía. No caso concreto do Centro de Servizos Avanzados, vai ser un espazo “onde as empresas poderán comprobar de forma real e directa como funcionan moitas das tecnoloxías asociadas á Industria 4.0, a través de prototipos e demostracións, e observando resultados que lle van facilitar a toma de decisións”. Contará con cinco laboratorios para a realización de probas xunto a un espazo de demostración, destacou.
A Cidade das TIC acolleu esta mañá o acto simbólico de inicio das obras do Centro de Servizos Avanzados, o primeiro edificio en rehabilitarse no que foi o complexo da Fábrica de Armas.
Pola súa banda, o reitor Julio Abalde remontouse ás orixes da Cidade das TIC, un proxecto que naceu dunha conversa co Clúster TIC e ao que logo se uniron o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e máis o Ministerio de Defensa. “É un proxecto de país”, resumiu, que ten que “axudar a lanzar o ecosistema que temos na nosa Comunidade Autónoma”. Para Abalde, se no ano 2018, cando se iniciou o proxecto “era necesario dispoñer dun espazo de creación e transformación do mundo dixital, despois da pandemia da COVID-19, é urxente”.
O reitor tamén explicou as distintas partes en que se sustenta a Cidade das TIC; unha primeira de investigación, desenvolvemento e formación que correrá a cargo da UDC; unha segunda que será un campus tecnolóxico arredor do CSA; a terceira, un campus empresarial e, finalmente, constará dun campus de emprendemento. “A Cidade das TIC nace para ser un proxecto integrado que potencie as calidades que temos en Galicia”, afirmou.
Un edificio que xa nace cheo
O CSA é un edificio que nace “cheo”, asegurou o presidente do Clúster TIC, e que xa desbordou os límites de espazo debido ás numerosas demandas das empresas do sector por instalarse na Cidade das TIC; de feito, desvelou Rodríguez del Corral, tiveron peticións para completar outras dúas naves que están á espera de financiamento. “Insistimos nisto porque Galicia necesita unha referencia física e tecnolóxica de marchamo internacional, que atraia máis empresas e talento e nosoutros apostamos pola Cidade das TIC”, dixo, engadindo que o Clúster que preside é o segundo en número de empresas e o primeiro en emprego cualificado. Suman máis de 21.000 empregos en Galicia, dos que 1.400 son novos empregos xerados no ano 2021.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña cualificou a xornada como “un día especial para a nosa cidade e a súa área metropolitana; especial porque na Coruña, que xa é a capital galega da innovación, comeza a facerse realidade un dos proxectos máis relevantes para o futuro económico e social da nosa cidade, a Cidade das TIC”. E engadiu: “A Cidade das TIC será unha ferramenta esencial para potenciar e impulsar o desenvolvemento económico e a creación de emprego na Coruña vinculado ás novas tecnoloxías”, continuou.
Valentín González Formos, presidente da Deputación, agradeceu a colaboración de todas as institucións implicadas e puxo de relevo “a aposta visionaria de Julio Abalde e da súa equipa de goberno na Universidade da Coruña que garante que este espazo industrial teña unha nova vida como centro de produción tecnolóxica e innovadora”.
Máis detalles do Centro de Servizos Avanzados
O Centro de Servizos Avanzados será ocupado por empresas tecnolóxicas. O Clúster TIC, entidade que xestiona este centro, recibiu a tripla de peticións que espazo dispoñíbel. O CSA será sede dalgunhas empresas e tamén das unidades de I+D que necesite o sector empresarial que funcionarán de forma colaborativa. “Será ademais o gran escaparate multimedia do sector e traballará de forma coordinada con centros e hubs de innovación sectoriais”, explicaron no seu día a UDC e o Clúster TIC, engadindo que o centro estará formado por máis de 130 empresas dixitais de todos os tipos e tamaños; con produtos e clientes de todo tipo, como Igalia que traballa para Google e Apple; ou Altia para Gobernos e a Unión Europea.
A Cidade das TIC recibiu o apoio financeiro de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do IGAPE, para a construción do Centro de Servizos Avanzados. O proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a rehabilitación da Fábrica de Armas como Cidade das TIC así como para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha das naves da Fábrica de Armas. A empresa Acciona, pola súa banda, executará as obras de rehabilitación por un importe de 3,5 millóns de euros e que se prevé finalicen en febreiro de 2023.

PUBLICIDADE