O inicio da TDT de pago en España continúa a topar con atrancos

luns, 21 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O Ikusi SMARTpremium é o receptor utilizado inicialmente polos usuarios de Gol Bar

A Comisión Nacional da Competencia elaborou un informe no que critican duramente e considera ilegais as medias chave introducidas polo Goberno na autorización da TDT de pago en España, coma son a renovación automática e sucesiva de licencias, as limitacións técnicas aos codificadores para as emisións de pago, a obriga de emitir máis horas en aberto que en codificado e as funcións que queren dárselle ao Consello Estatal de Medios Audiovisuais. A Comisión incluso considera que o sistema de renovacións automáticas e sucesivas das licencias de TDT choca coa lexislación comunitaria, aínda que estas apreciacións son relativas concretamente ao Anteproxecto de Lei Audiovisual.
Pero este é só un dos moitos problemas que está a padecer a TDT de pago, como o feito de que os receptores para tales emisións non cheguen ás tendas, anunciándose incluso que as unidades do Engel PRO 7000 que agardaban para os pasados días en moitos centros comerciais continúan sen chegar ás tendas e poderían demorarse unha semana coma mínimo.
Non menos positivo é saber que Gol Televisión chegou aos primeiros 665.000 abonados, pero destes só 15.000 accederían ao sinal da canle a través da TDT Premium, mentres que os 650.000 restantes contrataron o servizo a través de Ono, R, Telecable, Euskaltel, Jaztel, Orange e Imagenio. De todos os xeitos, esta situación podería cambiar nos vindeiros meses, pois agardan que o número de receptores de TDT de pago cheguen ao mercado a razón dunhas 25.000 unidades ao mes.

Incluso con instrucións detalladas, hai usuarios que non son quen de facer un uso axeitado das tarxetas CAM

A oferta de Gol Televisión para locais de hostalería, Gol Bar, contaría con máis de 3.000 establecementos abonados, que pagan 150 euros/mes + IVE, a través de Ono, R, Telecable, Euskaltel e a TDT Premium, tomándose neste último caso medidas especiais para poder identificar se un local está dentro da legalidade (de xeito que nun principio farán uso dun receptor Ikusi SMARTpremium) e non empregando un receptor persoal nun establecemento público, como parece ser que están a facer distintos restaurantes e bares que teñen contratado o servizo de televisión con Imagenio.
Outro importante atranco que está a ter a TDT Premium e o seu acceso mediante tarxetas CAM, que parecen estar a ocasionar moitas incidencias en actualizacións e activacións, aínda que en moitos casos os problemas veñen de colocar incorrectamente a tarxeta de abonado de Gol Televisión na CAM ou extraela durante o proceso de actualización da mesma (deixándoa inutilizable). Tamén hai moitos dispositivos que poden ser actualizados á TDT de pago mediante tarxetas CAM, pero que precisan antes dunha actualización do seu firmware, polo que o proceso complícase bastante para un usuario medio.

PUBLICIDADE