O iPhone lidera a navegación web móbil nos EE.UU.

martes, 4 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A navegación web dende dispositivos móbiles é unha práctica pouco significativa, pero parece que a tendencia está a cambiar dun xeito abraiante, pois un estudo de Net Applications amosando as plataformas empregadas para explorar a web nos EE.UU. nos descubriu que pese a levar poucos meses no mercado, o iPhone xa lidera a navegación dende dispositivos móbiles achegándose ó 0,1% da navegación global.
Os ordenadores con Windows seguen a ocupar máis do 92% dos equipos que navegan pola Rede, pero resulta abraiante que mentres as consolas como a Nintendo DS, a PSP, a Wii ou a PS3 supoñen cada unha o 0,01% da navegación web, o iPhone chega xa ó 0,09% e o iPod Touch ó 0,01%, polo que Apple xa tería o 0,1% da navegación móbil superando amplamente ós dispositivos portátiles de Microsoft, que se quedan cun 0,06% pese a que supoñan un volume de terminais moi superior ó da compañía de Cupertino. Tamén sorprende que os Nokia Series60 queden tamén no 0,01%, polo que podemos interpretar que os terminais baseados en Windows e Symbian se empregan máis para tarefas afastadas da web.
Tendo en conta a proximidade do Nadal poderiamos agardar que a base de usuarios tanto do iPhone coma do iPod Touch medre, de xeito que a navegación móbil podería comezar a ter un peso importante que debería facer reflexionar ós desenvolvedores de páxinas web sobre a optimización dos seus produtos para estes terminais ou, cando menos, sobre o respecto de estándares que permitan o acceso ás páxinas sen dependencias de hardware e software.

PUBLICIDADE