O iPhone incorpora o servizo Google Street View e a descarga sen fíos de podcasts

venres, 21 de novembro do 2008 Marcus Fernández

As rúas de Barcelona vistas no iPhone

Tras varias revisións de pouca importancia chega a versión 2.2 do firmware do iPhone, que incorpora moitas melloras agardas polos usuarios dende hai tempo, aínda que tamén mellora a seguridade do terminal de cara á súa liberación e á instalación de aplicacións non oficiais.
A actualización máis visible da revisión do iPhone é a incorporación de Google Street View ao seu sistema de Mapas, ao que tamén se engaden indicacións en transporte público e a pé, a visualización da dirección dos puntos de interese sinalados con chinchetas e a posibilidade de compartir unha ubicación por e-mail. Outras das grandes melloras introducidas sería a relativa aos podcasts, xa que a partir de agora non será preciso sincronizar o iPhone co ordenador para poder cargalos no seu disco, podendo facer tal operación tanto a través de Wi-Fi coma de 3G, de xeito que se fai moito máis cómodo e rápido o seguimento de contidos sonoros achegados a través de fluxos RSS.
Tamén mellora a aplicación de correo electrónico, o Safari é máis estable e se responde a unha das máis insistentes demandas dos usuarios: se permite activar e desactivar a función de corrección automática nos axustes do teclado.
Paralelamente, e como vén sendo habitual, o iTunes tamén se actualizou para adaptarse á nova versión do iPhone, incluíndo tamén unha importante mellora: un sistema de ditado (VoiceOver) que permite que os usuarios con problemas de visión poidan achegarse aos textos presentados en pantalla.

As descargas de podcasts xa non precisan da sincronización co ordenador

PUBLICIDADE