O iPhone 7 chegará mañá ás tendas en unidades moi limitadas

xoves, 15 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Mañá chega ás tendas o iPhone 7 e o iPhone 7 Plus, smartphones que xa se poden encargar vía web dende hai varios días, e que desta volta contarán con España entre os países de lanzamento (tras varios anos na segunda fase de lanzamento), pero o feito de aceptarse compras anticipadas en liña ten un efecto que pode considerarse perverso: boa parte dos modelos de smartphone están xa esgotados até dentro de semanas, por ter superado as vendas iniciais as súas existencias.
Apple confirmou a TechCrunch que mañá só chegarán ás tendas algunhas unidades de iPhone 7 en cor prata, ouro, ouro rosa e negro, mentres que o modelo en negro brillante estaría xa esgotado (na páxina web da compañía prevén que non haberá unidades durante 3-5 semanas) e tampouco se espera que cheguen ás tendas unidades do iPhone 7 Plus, por ter superado as previsións iniciais de vendas.
Temos así que a propia Apple está a provocar a desaparición do que algúns xa consideraban unha tradición: facer cola fronte as súas tendas oficiais para mercar os novos teléfonos o primeiro día. Agora acudir á tenda o día de lanzamento sen ter feito unha reservar sería ridículo, xa que sería complicado atopar o terminal que interese, tendo que conformarse o comprador coas cores e capacidades das que haxa existencias nun momento puntual.

O iPhone 7 chegará inicialmente ás tendas en 4 das súas 5 cores

PUBLICIDADE