O iPhone 4S supera os 4 millóns de unidades vendidas

luns, 17 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Algunhas tendas norteamericanas tiveron grandes colas para adquirir o novo iPhone

Esta fin de semana saíu á venda nos EE.UU., Australia, Canadá, Francia, Alemaña, Xapón e Reino Unido o iPhone 4S, e aínda que moitos seareiros de Apple amosábanse decepcionados por atopar un móbil co mesmo deseño externo que o seu predecesor, Apple vén de anunciar que durante a primeira fin de semana conseguiron superar os 4 millóns de unidades vendidas, o que é máis do dobre do que acadara o iPhone 4 no seu día. En España teremos que agardar ao vindeiro día 28 para gozar do novo terminal.
A compañía de Cupertino tamén engadiu que xa hai máis de 25 millóns de usuarios que están a utilizar actualmente o iOS 5, a só 5 días do seu lanzamento, o que reflicte a súa boa aceptación, como iCloud, sistema de almacenamento na nube que xa superou os 20 millóns de usuarios.
Nos últimos días tamén deuse a coñecer que Siri, o asistente en probas que está dispoñible en exclusiva para o iPhone 4S e que inicialmente só funciona en inglés, alemán e francés, estará dispoñible en xaponés, chinés, coreano, italiano e español ao longo de 2012.

Dende a pasada fin de semana o iPhone 4S pode adquirirse no Xapón e noutros países

PUBLICIDADE