O iPhone 3G podería estar preto do seu adeus

martes, 25 de maio do 2010 Marcus Fernández

Ao confirmarse que Steve Jobs abrirá o WWDC o luns 7 de xuño dáse por entendido que será o día no que presentarase en sociedade o futuro modelo do iPhone, e este segredo a voces está a verse confirmado polas consecuencias que está a ter nos anteriores modelos do móbil de Apple, xa que nas últimas horas desapareceu da páxina web da compañía de Cupertino a posibilidade de mercar un iPhone 3G (terminal que só gozará parcialmente das bondades do iPhone OS 4, por carecer de potencia suficiente para prestacións como a multi-tarefa) e incluso a cadea de tendas Walmart reduce o prezo do iPhone 3GS de 16 Gb a 97 dólares (cun contrato de permanencia de 2 anos) no que parece unha clara operación para reducir inventario dun terminal que vai ter problemas para colocarse no mercado unha vez que exista un modelo que promete un grande paso adiante en múltiples aspectos e cun cambio de aparencia notable (algo que non aconteceu coas anteriores versións do iPhone).
Ante estes movementos entendemos que Apple está a procurar que os usuarios dos seus móbiles renoven os seus terminais cada 24 meses, de xeito que este sería o prazo máximo no que un iPhone gozase de actualizacións do seu software sen perder importantes prestacións (o que queda claro ao ver que o iPhone 2G non contará co iPhone OS 4 e o iPhone 3G terá un soporte limitado do mesmo).

PUBLICIDADE