O iPhone 12 descarga máis lento que os principais móbiles 5G con Android

luns, 15 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Opensignal vén de publicar un informe sobre as velocidades da banda larga móbil nos EE.UU. en función dos modelos de móbil que empregan os usuarios, e comparando especialmente a evolución que hai dende o uso de redes 4G até as novas redes 5G, sorprendendo ao amosar que Apple sería o fabricante no que os móbiles darían un salto máis grande en velocidade de descarga ao saltar da 4G á 5G, chegando a multiplicar por 2,3 a velocidade anterior, mentres que nos fabricantes con Android o salto é máis modesto, coa sorpresa de que superan á compañía da mazá tanto en 4G como en 5G.
No estudio realizado por Opensignal, o fabricante líder en velocidade sería Samsung, que tería o 60% dos 25 smartphones máis veloces, liderados polo Samsung Galaxy S21 5G, e cunha ausencia absoluta de móbiles de Apple, aínda que cómpre indicar que estamos a falar de velocidades medias e medicións reais, ou sexa, que habería factores que afectarían a estas velocidades que irían máis aló do propio hardware, xa que o despregamento da banda larga móbil é moi desigual. Aínda así, que os móbiles con Android vaian por diante dos que funcionan con iOS non debería ser unha grande sorpresa, xa que levan bastante vantaxe na implantación de 5G, confiándose en que a distancia entre os fabricantes vaia reducíndose nas vindeiras versións.
Segundo Opensignal, o Samsung S21 5G tería velocidades de descarga medias de 56 Mbps, mentres que o último móbil do Top 25 sería o LG Velvet 5G cunha velocidade de descarga media de 37,8 Mbps, quedando a moi pouca distancia do iPhone 12 Pro, que consegue 36,9 Mbps de velocidade de descarga media, o que supón unha boa mellora fronte ao modelo do ano anterior (que conseguiría 25,8 Mbps de media).
No informe salientan que as velocidades da 5G van mellorar considerablemente ao longo do presente ano, xa que abriranse novas frecuencias para esta tecnoloxía, conseguindo así que as redes móbiles teñan maior capacidade.

PUBLICIDADE