O grupo galego Internaco comercializará robots para contornas agrícolas

venres, 29 de xullo do 2022 S. P.

A empresa de maquinaria agrícola AG Group, do grupo galego Internaco (con sede en Ordes) asinou esta semana un acordo coa francesa Naïo Technologies que contempla a distribución en exclusiva dos produtos de automatización intelixente da marca para os mercados de España e Portugal. Naïo Technologies, empresa pioneira en robótica, é un referente europeo en robots autónomos para contornas agrícolas cunha cota de mercado en Europa superior ao 50%.
A empresa francesa deseña, desenvolve e comercializa, unha ampla gama de robots autónomos 100% eléctricos para axudar aos agricultores nas súas tarefas, solucións que permiten alixeirar a carga de traballo, optimizar a rendibilidade das explotacións e limitar o uso de insumos químicos.
Desta forma, o Grupo Internaco completa e apoia con este acordo a súa aposta pola robotización nas contornas de xardinaría, forestais e agrícolas.
O Grupo Internaco, fundada en Ordes (A Coruña), está especializado desde 1976 na comercialización de solucións innovadoras e competitivas, pondo a disposición dos seus clientes produtos e servizos orientados ao coidado de espazos naturais e do sector da ferraxaría e a bricolaxe, a través dunha ampla e especializada rede de distribución. Cun volume de negocio de 112 millóns e 250 empregados, ao peche do exercicio 2021 rexistrou un incremento do 14% con respecto a 2020 e do 30% respecto de 2019.

PUBLICIDADE