O grupo VIKO, distinguido polo seu empuxe internacional

luns, 7 de setembro do 2015 Redacción

O galego Rubén Ferreiro, director executivo de VIKO

VIKO, o grupo de axencias en liña de raizame galega, vén de obter un importante recoñecemento na pasada edición dos premios European Business Awards, que se celebraron e resolveron o día 1 deste mes de setembro. A distinción obtida por VIKO, un grupo impulsado e dirixido polos galegos Rubén Ferreiro e Rubén Bastón, sitúa a corporación como unha das firmas estatais con meirande potencial de medre transfronteirizo (de feito, ten sedes en Barcelona, Madrid, Vigo, México DF e Miami.
De feito, o recoñecemento consistiu en ter incluído a VIKO no selecto grupo dos National Champions, ao abeiro da categoría Elite Award for Growth Strategy of the Year, que é un premio que salienta o labor das empresas en crecemento internacional. O xurado, con este galardón, valorou moi positivamente o proceso de espallamento do grupo fóra do ámbito estatal, sobre todo en México, onde está a ser especialmente punteira a axencia de mercadotecnia dixital Elogia, pertencente á corporación.
VIKO, siglas de Virtual KnOwledge, púxose a andar hai máis ou menos un ano xuntando un total de sete marcas de axencias, software e medios de comunicación de mercadotecnia dixital. O galego Rubén Ferreiro (CEO do holding resultante) lembrounos daquela que a iniciativa partía dunha base de apoio nada desdeñábel: un volume de negocio superior aos 10 millóns de euros anuais. O grupo está formado por Elogia, axencia de mercadotecnia online, Moddity, axencia de desenvolvemento de aplicacións de comercio móbil, Ibrands, axencia de resposta directa, Mittum, plataforma de mercadotecnia e ecommerce, eMMa, ferramenta de aplicacións intelixentes, MOÕSE, software de xestión masiva de páxinas de destino e Mercadotecnia4eCommerce, medio de comunicación sobre comercio electrónico e mercadotecnia.


PUBLICIDADE