O grupo USCAN3D da Universidade de Santiago lánzase a fomentar vocacións científicas botando man dos móbiles

xoves, 29 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Coa inminente chegada do inverno, temos na nosa Rede unha actividade de moito potencial para dúas cousas básicas: ver nos trebellos algo máis que simples aparellos para facer chamadas ou escoitar música pola rúa e, por outra banda, contribuír a espertar vocacións científicas entre a xuventude botando man de tecnoloxías que coñecen ben. Se unimos todo isto temos o primeiro Campionato de España de Modelado 3D de Precisión co Móbil, unha actividade que xa anunciamos en Código Cero hai uns días con motivo da súa presentación oficial en Santiago e que está a a piques de dar forma á web de seu, d3mobile.es, unha páxina onde poderemos informarnos de todo o relativo a esta proposta, que se dá a coñecer, de novo, o vindeiro 4 de decembro na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo.
Trátase, máis polo miúdo, dunha iniciativa pioneira a nivel mundial, a modo de certame, coa que se pretende fomentar a cultura e a vocación científica entre os máis novos, pois o proxecto vai dirixido a mozos e mozas de 4º de ESO e Bacharelato. A actividade vén da man do grupo de investigación USCAN3D da USC, que salienta que “estamos ante a primeira vez que se organiza un proxecto desta natureza no mundo, mediante o que se pretenden potenciar as vocacións científicas a través dun elemento de uso tan cotián entre os máis novos como é o teléfono móbil”. O profesor da USC Juan Ortiz, director do proxecto, debulla deste xeito os motivos principais para a posta en marcha da actividade: “Os modelos 3D de precisión úsanse de continuo en ámbitos tan próximos á cultura xuvenil como o cine, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos; os mozos sorprenderanse das posibilidades que ofrece un teléfono móbil para a realización de modelos deste tipo, do doado que resulta facelos e do rápido que acadan resultados ao tempo que se divirten”.
Metodoloxías para participar
Os participantes deberán organizarse en grupos de 2-4 compañeiros e buscar o apoio dun profesor. Os alumnos, informan os responsábeis da iniciativa, aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, o seu propio computador e un software fotogramétrico libre. A xuízo dos membros do dito grupo da USC, “a habilidade no manexo das novas tecnoloxías por parte dos máis novos garante que en dúas tardes ou mesmo en menos tempo se adquiran as destrezas precisas para participar no campionato”. A competición en si mesma desenvolverase cen por cen en liña, e consistirá, basicamente, en dar co equipo que sexa quen de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual.
Presentación en Lugo
O acto de presentación do certame desenvolverase o martes 4 de decembro ás 12.00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo, e contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación do Campus de Lugo, Pablo Ramil; e o director do proxecto, Juan Ortiz.
Engadir que este proxecto, promovido desde o Grupo de Investigación para a Documentación en 3D da USC (USCAN3D), foi un dos 212 elixidos de entre os 1.295 presentados este ano ás axudas para o fomento da cultura científica e da innovación, que outorga a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
O Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Centro Nacional de Información Geográfica (CNIG) forman parte tamén do grupo de entidades organizadoras. Entre os patrocinadores figuran, asemade, a Consellería de Cultura da Xunta, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Vodafone España, ademais da propia Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo.

PUBLICIDADE