O grupo Novos Medios da USC deseñará un proxecto dixital sobre o fenómeno do neofalantismo

xoves, 22 de xullo do 2021 S. P.

Estudante traballando con novas tecnoloxías nunha imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago e o Goberno autonómico colaborarán nun proxecto dixital para investigar o fenómeno do neofalantismo, é dicir, o uso da nosa lingua entre persoas que non a viñan empregando. A investigación analizará como está a ser este proceso de incorporación do galego entre colectivos castelán falantes, poñendo o foco nas ferramentas tecnolóxicas e, nun plano máis concreto, habilitando un portal e avaliando o potencial das redes sociais para “implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás”.
O grupo Novos Medio da USC será o encargado de deseñar o devandito sitio web e traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego.
A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsábeis de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, a través da lingua galega. O proxecto será desenvolvido desde este ano e ata 2023 por parte da USC.

PUBLICIDADE