O grupo HealthyFit da UVigo confirma os beneficios da Realidade Virtual para as persoas con Párkinson

xoves, 9 de decembro do 2021 S. P.

O grupo HealthyFit da Universidade de Vigo (integrado por investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia) vén de constatar as posibilidades da Realidade Virtual como ferramenta terapéutica eficaz para persoas con Párkinso. Fíxoo en colaboración coa Asociación Párkinson Vigo e empregando diversos dispositivos, xogos e experiencias que lles permitiron comprobar o factíbel destas tecnoloxías para incrementar o benestar e a motivación das persoas coa dita doenza e, ademais, sen efectos adversos de ningún tipo.
Os investigadores, logo dunha primeira fase de exploración, abordaron hai unhas semanas o miolo do seu proxecto, rexistrando polo miúdo os beneficios da práctica regular dun programa de exergaming baseado no uso de xogos para lentes de Realidade Virtual que requiren dunha participación fisicamente activa do usuario.
Este rexistro foi documentado nun artigo polo investigador Pablo Campo, o coordinador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela, e o docente da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez. A investigación foi publicada na prestixiosa revista Sensors.
Segundo explica o coordinador do grupo respecto dos traballos desenvolvidos, “os resultados foron moi bos e xerouse unha adherencia cara este tipo de práctica, dadas as sensacións que percibían e a novidade que implicaba”. Pablo Campo engade que “a novidade deste estudo é que, se ben as novas tecnoloxías estanse a implantar na rehabilitación física e cognitiva, estas aínda non se aplicaran ao ámbito de enfermidades neurodexenerativas como pode ser o Párkinson”.
O estudo piloto levado a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte cun HTC Vive ProTM, un dispositivo de entretemento comercial, buscaba analizar como pacientes de diferentes perfís reaccionaban ante un xogo físico en Realidade Virtual inmersiva. Para iso, leváronse a cabo unha serie de probas con catro membros da Asociación Párkinson Vigo, tres homes e unha muller de entre 53 e 71 anos, cos que se empregaron xogos comercialmente dispoñíbeis. En dúas sesións, os participantes realizaban con este dispositivo unha experiencia “preadestramento” de aclimatación, para logo enfrontarse a un xogo que lles requiría, como explica Campo, “movementos variados de todo o corpo cun esforzo moderado”, cunha esixencia maior na segunda das sesións. En ambos casos os participantes foron monitorizados durante toda a actividade, co fin de desbotar efectos adversos; á vez que se realizou un exame da experiencia de xogo, do grao de satisfacción dos participantes e da súa percepción do esforzo realizado. Segundo recolle o artigo, os resultados amosan que foi unha experiencia positiva, con “actividades apropiadas, divertidas e motivadoras”.

PUBLICIDADE