O gasto das familias nas novas tecnoloxías incrementouse nun 8% en 2006

martes, 30 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Temos novos datos sobre a suposta boa sintonía das familias do estado coas novas canles do coñecemento, desta vez da man do Observatorio das Telecomunicacións e a Sociedade da Información e a doceava edición do estudo As TIC nos fogares españois. Un dos datos máis salientables do estudo refírese ó incremento no gasto deste tipo de servizos: 2.808 millóns de euros entre abril e xuño de 2006, o que representa case unha subida do 8% con respecto ó mesmo período do ano anterior. Desta cifra, sinálase neste novo estudo, 353 millóns foron encamiñados ó acceso á Internet, o que supón un incremento do 52% en comparación co segundo trimestre de 2005. Ademais, o 60% do investimento na Rede é atribuíble a gastos por conexión mediante tecnoloxía ADSL.
A investigación tamén achega datos sobre o afianzamento dos computadores entre o mobiliario da casa: máis da metade dos fogares do estado español dispoñen de equipo informático e o 60% dos internautas conéctase dende o seu propio domicilio.
Polo que respecta á telefonía fixa, cómpre sinalar que non semella erguer cabeza, en beneficio da móbil, que xa ha tempo que superar a media de un terminal por habitante. Na fixa, o Observatorio constatou unha caída do 3,02% no orzamento das familias dedicado a este servizo. Pola contra, a telefonía móbil vai cara á diante con achega extra de combustible, cun aumento no gasto do 11,2%, pasando dos 1.053 millóns empregados entre abril e xuño de 2005 ós 1.171 dos mesmos meses de 2006.

PUBLICIDADE