O galego Javier Penedo estrea un podcast no que recolle o mellor da música Sin Reservas

mércores, 25 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Javier Penedo, quen fora presentador de Plató Aberto en Localia Santiago e director de informativos de Código TV,e actualmente presenta os grandes éxitos dos 70, 80 e 90 na emisora M80 Radio, estreou o pasado mes de xaneiro un blog onde recolle o que considera o mellor da música. Agora, para completar esta serie de recomendacións musicais, Penedo estrea un podcast chamado Sin Reservas, espazo semanal dunha hora de duración que recolle unha selección musical de grande calidade nun formato moi radiofónico e atractivo que vai dirixido «a todos os melómanos que se sente orfos».
Sin Reservas achéganos moitos clásicos inesquecibles, versións de calidade e incluso novidades musicais que normalmente pasan desapercibidas. O programa pódese escoitar directamente dende o blog de Los Discos de Penedo, descargar en MP3 para escoitar en calquera momento e lugar e mesmo conta cun fluxo para subscribirse ao mesmo dende aplicacións coma iTunes.
Na súa primeira entrega permite gozar dun par de temas da Steve Miller Band, de clásicos de Van Morrison e Neil Diamond e mesmo dun tema do último disco de Michael McDonald. En definitiva, un espazo radiofónico musical ideal para levar no reprodutor multimedia para suplir a ausencia deste tipo de cancións nas emisoras de radio actuais.

PUBLICIDADE