O futuro plan de estudos europeo en Intelixencia Artificial centra unha xornada no Campus de Ferrol

mércores, 22 de xuño do 2022 S. P.

Imaxe de familia dos integrantes do proxecto AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School en Velenje (Slovenia) o pasado mes de maio

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle este mércores 22 de xuño, a partir das 10:00 horas, a xornada de presentación dos resultados do proxecto europeo AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School, unha iniciativa de innovación educativa que tiña por obxectivo elaborar un plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptada a estudantes de Bacharelato, e válida para toda Europa.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, Evaristo Zas, e o coordinador do proxecto europeo AI+, o profesor e investigador Fran Bellas, serán os encargados de inaugurar as actividades, que servirán entre outras cousas para dar a coñecer os principais resultados desta iniciativa de innovación educativa. Está previsto que dos dous centros galegos involucrados no proxecto, o CPI A Xunqueira de Fene e o IES David Buján de Cambre, compartan as súas vivencias e experiencias co público asistente, maioritariamente profesorado e alumnado de Secundaria e Bacharelato de varios centros de ensino da Comarca de Ferrolterra. Para rematar, realizarase unha visita á Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situada no Centro de Investigacións Tecnolóxicas, e ao Taller de Robótica, emprazado no Edificio de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Seis centros de ensino innovadores
Ao longo destes tres últimos anos, profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol, estivo a traballar conxuntamente con seis socios, todos eles seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).
Máis de 370.000 euros e tres anos para levalo a cabo
O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeu este proxecto de innovación educativa á Universidade da Coruña en decembro de 2019. AI+ tivo unha duración de tres anos e contou cun financiamento de 371.512 euros, o segundo maior de todos os concedidos na convocatoria K201 (educación escolar) nese ano.
Dende o GII aseguran que este proxecto “constituíu unha grande oportunidade para o Campus de Ferrol, para a Universidade da Coruña e tamén para o sistema educativo galego, xa que nos permitiu posicionarnos como referentes en innovación educativa en España e Europa”.

PUBLICIDADE