O futuro dos medios e a encrucillada do dixital, a debate nos Luns do Ateneo

martes, 1 de abril do 2014 Redacción

Revistas e xornais que deixan de existir, quioscos que pechan as portas, publicacións que non acadan apoios de abondo na Rede para seguir existindo (por exemplo a revista Oink!). Esta é a realidade que vivimos e moitos de nós facémonos a seguinte pregunta: como se chegou a esta situación? Para falar precisamente dos antecedentes da crise actual da prensa escrita e tentar ao mesmo tempo visualizar vieiros de futuro (vieiros sobre todo dixitais) organizouse esta semana, ao abeiro do ciclo Luns do Ateneo, unha interesante mesa redonda na que participaron o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro; o subdirector de El Correo Gallego, Caetano Díaz; a xornalista de Sermos Galiza, Olalla Rodil; e o coordinador da Revista Luzes, Iago Martínez.
Entre outras cousas, falouse na cita (celebrada no Ateneo de Santiago e presentada polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa) da incidencia dos medios dixitais na caída de vendas das publicacións tradicionais (estamos a vivir un evidente punto de inflexión no que a hábitos de lectura de informacións se refire) e nas posibilidades que achegan as redes para permitir dalgún xeito a supervivencia dos medios que arestora se atopan na picota. Ao fío disto, unha das conclusións ás que se chegou é que vai ser extremadamente complexo atopar na Internet unha actividade económica e un volume de ingresos que se acheguen de lonxe ao que se xeraba a través das vías tradicionais. Polo tanto, o novo modelo xornalístico que agardamos que chegue ao abeiro das redes, non dá chegado, e dificilmente se albisca ao lonxe a súa consolidación.
Probabelmente a visión máis optimista das achegadas no debate foi a de Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas ao tempo que promotor da revista Luzes, quen avogou por estarmos atentos aos novos nichos de actividade que se están a abrir coa crise (e malia a crise) para o afianzamento de medios especializados a contramán da prensa xeral. Fixo na súa intervención claras referencias a Luzes, que como lembraremos é unha nova revista galega con formato en papel e presenza na Rede, cuxo primeiro número saíu do prelo o pasado 29 de novembro presentándose como unha acción revitalizadora dunha prensa galega adoecida por mor da crise e a falta de independencia.
Diferente visión foi a que achegou Caetano Díaz, que lembrou que a situación actual deixou xa a 30.000 profesionais do sector na rúa, levando ao peche a 22 diarios e a case duascentas empresas deste eido de actividade. Tamén falou dos novos medios xurdidos no medio da crise, un bo feixe deles, pero agoiroulles o que por desgraza só se pode cualificar de “incerto futuro”. Pola súa parte, Iago Martínez amosouse confiando no futuro dos medios en papel e avogou por unha “rexeneración económica, tecnolóxica e política do xornalismo”. Para rematar, Olalla Rodil falou da súa experiencia en Sermos Galiza, un medio galego que conxuga con éxito as facianas dixital e tradicional, cunha páxina web consolidada xa entre os lectores galegos e un semanario que serve de complemento e tamén de complementador. Lembrou que Sermos basea a súa actividade no apoio dos seus 900 socios que achegaron os 300.000 euros precisos para permitir que o proxecto se convertese en realidade.

PUBLICIDADE