O formato Xvid (AVI) pásalle o relevo ao x264 (MP4)

luns, 5 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os formatos de compresión audiovisual levan uns anos ocupando un imporante lugar no lecer electrónico, de xeito que ao igual que o MP3 foi substituíndo á música en CD, o DivX/Xvid foi facendo o propio coas películas en DVD, ata facer que practicamente todos os reprodutores de DVD actuais (xunto con moitos outros dispositivos) reproduzan este formato sen problema, pero os anos non pasan en balde, e esta codificación está a quedar obsoleta, de aí que os principais grupos que distribúen contidos (como películas e series de televisión) a través de BitTorrent decidiran adoptar unhas novas normas nas que xubilan ao formato Xvid nomeando como sucesor ao x264 incluso para os contidos en definición estándar.
O x264 permite comprimir o vídeo acadando unhas maiores compresión e calidade, e actualmente poden correr vídeo en tal formato multitude de dispositivos, entre os que están reprodutores multimedia dedicados, consolas de videoxogos domésticas, televisores de alta definición e mesmo tablets. Son tantas as vantaxes que paulatinamente iremos dicindo adeus aos vídeos .AVI para que a extensión .MP4 gañe aínda máis popularidade, especialmente entre os grupos que sigan o novo estándar para a distribución de vídeo SD.
Esta decisión non está ausente de polémica, e na Internet xa hai detractores da medida, o que resulta comprensible polo feito de que aínda quedan moitos reprodutores de DVD no mercado que non son capaces de reproducir vídeo nos formatos máis modernos, pero nalgún momento é preciso avanzar. Tampouco hai que esquecer que non estamos a falar de ningún tipo de imposición, senón dunhas normas que adoptan uns grupos de usuarios para publicar as súas gravacións televisivas na Rede, polo que continuarán a circular contidos en formatos como o Xvid, aínda que parece evidente que o seu uso irase perdendo segundo os usuarios vaian adaptándose ás novas tendencias.

PUBLICIDADE