O filme Home sobre a destrución imparable da Terra, no YouTube até o 14 de xuño

venres, 5 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Hoxe, Día Internacional do Medioambiente, é máis que nunca un día para a reflexión e, sobre todo, para non se nos perda nalgún recanto a idea de máis valor: aínda se pode facer algo, por pequeno que sexa. Esta vontade de manter acesa a chama para un cambio de rumbo no trato que lle damos á Nai Terra é a que fixo posible unha obra como Home, filme que se estrea de balde en todo o mundo, a Rede inclusive (vía YouTube até o 14 de xuño) e que constitúe un completo e novo recordatorio ambiental para o ser vivo coa cabeza máis dura de todos os que poboaron o planeta: o ser humano. O filme, dirixido por Yann Arthus e producido por Luc Besson, trata en definitiva de alertarnos sobre a saúde do mundo e sobre o camiño que emprendimos e do que semella que non podemos saír (e si que podemos).
Dáse a casualidade de para incrementar a súa pegada e darlle altofalantes á mensaxe, os responsables da película proceden hoxe, o Día Internacional do Medioambiente, a estreala en todo o mundo e en todos os formatos e canles: pantallas ao aire libre (ao pé da Torre Eiffel en París, no Central Park de Nova York ou mesmo en Trafalgar Square de Londres), cinemas, Rede, televisións (máis de un centenar de canles de todo o mundo xa a puxeron na súa grella de hoxe) e DVD.
Polo que respecta ao contido do filme, dicir que se trata dun documental e de que se rodou en 54 países. O traballo de filmación foi de todo menos breve: levou dous anos e incluíu 500 horas de película que logo de moito labor de montaxe ficaron en dúas. O filme non pretende achegar unha resposta clara ao problema: mostra no canto de explicar ou afondar. A idea é achegarlle marxe ao espectador para que faga a súa propia valoración sobre o tema e, a maiores, atope unha posible solución. O feito de que sexa un filme de balde, sinala o seu director nunha entrevista recente, garante que a película sexa vista polo máximo número de persoas no mundo.
Home, que está gravada de xeito íntegro dende o aire, contou cun orzamento de 12 millóns de euros, dos que 10 foron subministrados por PPR.

PUBLICIDADE