O festival internacional de teatro de Carballo, o FIOT, estrea páxina web

xoves, 12 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores presentouse a nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, un acto cos medios que tamén serviu para dar a coñecer a nova web do certame, www.fiot.gal, que se estreou esta semana oficialmente. Na cita fíxose saber (entre outras moitas cousas) que o evento celebrarase entre os días 27 de setembro e 1 de novembro e que este ano porase o foco no teatro social no feminismo, facendo fincapé (tamén) nas periferias e na diversidade. Haberá 38 espectáculos, dos cales 9 son estreas absolutas e 8 estreas no país, e “unha proposta ampla e diversa de actividades para todos os públicos”.
Respecto da web, xa está operativa achegando toda a información sobre a axenda, os descontos, os prezos e as datas de cada un dos espectáculos. A páxina, moi visual e artellada de xeito que a imaxe prevaleza sobre a información (a imaxe en movemento, de feito, axuda a artellar a información), estrutúrase nas seguintes seccións principais: O Festival, Programación, Actividades, Calendario, Entradas, Novas, Prensa e Contacto. Amais, serve de canle ás presenzas activas do festival FIOT nas redes sociais: no Twitter, no Facebook, en YouTube e no Instagram, amais de no Spotify, onde tamén se promove o certame teatral cunha máis que recomendábel playlist para os seareiros e as seareiras do teatro e as artes escénicas.

Nova páxina web do FIOT

PUBLICIDADE