O festival PortAmérica de Nigrán afiánzase na Rede cunha comunidade virtual de creatividade colectiva

luns, 16 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

PortAmérica é, para quen non o saiba a estas alturas e ande pensando en cousas que acontecen lonxe, un festival galego de música, audiovisual e innovación creativa que se celebra en Nigrán, no Porto de Molle entre o 19 e o 21 de xullo, e que pretende amosar o potencial da cultura como motor de dinamización e desenvolvemento, e facer, amais, que o motor prenda e se manteña aceso a ámbalas beiras do Atlántico e demais océanos. Para acadalo e ir acubillando combustíbel, a empresa responsábel do festival, Esmerarte, puxo en marcha unha comunidade en liña que funciona, en palabras dos profesionais da firma, “como unha plataforma virtual para difusión do talento”. Ao festival galego vén de engadir a súa presenza, os días pasados, o multipremiado servizo Filmin.
PortAmérica, o Festival de Música e Ideas, conta tamén no seu programa cun bo número de actividades dirixidas a pór de manifesto unha capacidade que non chega con ter, senón que cómpre materializar e compartir: o talento. Falamos de MercaInnova (un escaparate de ideas novas) e Gastro (obradoiro gastronómico).
Volvendo ao foro virtual, dicir que xa está en marcha e que é de acceso gratuíto para todo aquel internauta que queira amosar os seus proxectos e ideas dende calquera recanto, alén das datas de realización do festival. Segundo contan dende Esmerarte, unha firma con sede Vigo especializada en xestión cultural e comunicación, a intención é que tanto o festival como a comunidade virtual teñan alcance iberioamericano e, como se dá a entender no nome da proposta, translatántico. A plataforma é de libre temática: está a dar cabida a ideas de negocio, iniciativas sociais ou proxectos encamiñados a dar pulo ao traballo cooperativo, o intercambio de coñecemento e experiencias e os eidos de traballo en mancomún. En definitiva, sinala Esmerarte, “propostas que melloren o noso contorno e sensibilicen á poboación respecto ao medio ambiente, inventos ou servizos que nos axuden a axilizar procesos, a comunicármonos, a mellorar a claridade de vida ou a optimizar recursos”. En base a isto, engaden, a innovación e a creatividade serán o alicerce que sosteña a iniciativa, tendo sempre en conta o papel que van representar -de seguro- como recurso anticrise e como fonte de ideas para acadar novos vieiros de actividade produtiva diferente da que nos levou, directamente, á situación económica na que todos estamos. Para favorecer todo isto, a comunidade é en si mesma un espazo de coworking virtual, “un lugar dende o que falarlle ao mundo, á poboación en xeral e a entidades que procuran facer as cousas de xeito diferente”.
Para participarmos na rede social de PorAmérica só teremos que abrir un perfil na rede Facebook ou en calquera outra semellante: abonda con rexistrarnos cunha conta de correo electrónico e un usuario e de maneira automática abrirase un espazo propio. Este perfil de usuario é o lugar para presentármonos ao mundo, introducindo unha descrición da nosa traxectoria amais de datos básicos propios. Unha vez feito o rexistro, xa é posíbel publicarmos o proxecto ou proxectos, amais de descubrir as propostas dos restantes membros, nos que incluso poderemos participar directamente.
En cada ficha de iniciativa é posíbel compartir textos, ligazóns, fotos e vídeos. Con este fin, e co obxectivo de favorecer unha divulgación ordenada e con meirande visibilidade, dende PortAmérica creouse un hahstag propio, #ComparteTalento, cuxo obxectivo é o de facer que o usuario poida etiquetar as súas propostas e compartilas a través das redes sociais convidando aos seus seareiros a difundir esa mesma idea.
Entre as novas achegas que se veñen de unir á comunidade-festival atópase, como dixemos ao comezo deste artigo, o servizo Filmin, un portal creado en 2006 dende Catalunya co firme apoio de produtoras como Alta ou El Deseo e con vocación de dar a coñecer, en España e máis no mundo, as novas obras e tendencias xurdidas ao abeiro da alianza do cinema e a innovación. Filmin, un videoclub en liña en clave de vangarda, é pioneiro en achegar tarifas planas, streaming en HD e na estrea simultánea de películas en cinema e máis en Internet. En 2011, os seus responsábeis foron recoñecidos co Premio Time Out ao mellor proxecto de innovación. Entre outras cousas, Filmin participará no festival PortAmérica coa proxección do documental All Tomorrow´s Parties, que distribúe o selo Avalon, que recolle a historia do festival de música do mesmo nome e que vén da man do director John Caouette e o fotógrafo Vicent Moon.

PUBLICIDADE