O festival Castelo Son lanza na Rede un concurso para elixir a banda que abrirá o certame

venres, 2 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

A música galega segue a dar guerra na Rede. Desta volta temos que falar do festival Castelo Son, o certame de Culleredo que se vai celebrar o vindeiro 23 de agosto contando, entre outras bandas, con Heredeiros da Crus, Zënzar e Skarallaos. Pois ben, segundo nos contan os organizadores do evento, xa está en marcha un concurso para escoller ao grupo que abrirá o festival. Os pasos a seguir para participar, sinalan, son moi sinxelos e comezan coa inscrición no certame do noso grupo enviando un correo electrónico á conta casteloson@querostar.com. Terá que ser antes do 5 agosto e incluíndo unha foto da banda, unha ligazón a algún vídeo da mesma en YouTube ou Vimeo, unha descrición breve da súa traxectoria e máis a relación dos accesos a páxinas web de seu ou contas nas redes sociais. De facermos isto, quedaremos inscritos no certame e pasaremos á fase de votacións.
O 5 de agosto publicarase a listaxe de grupos participantes. Con esta listaxe, a continuación, darase forma a un álbum no Facebook do Castelo Son a través do que poderán votar os internautas, facéndose seareiros das bandas premendo nas fotos das mesmas durante catro días. Os tres grupos máis premidos serán os finalistas. O prazo de votación comezará o luns ás 18.00 horas e rematará o xoves ás 14.00 horas, cando se confirmarán as bandas clasificadas a través da web do festival. Por certo que o sábado 10 de agosto pola tarde celebrarase na terraza da cervexería S-11 do Burgo (Culleredo) un microprograma retransmitido por streaming a través da web do Castelo Son no que un xurado integrado por Javi Maneiro, Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro decidirán, coa axuda de varios blogueiros galegos, a banda gañadora do certame.
O grupo gañador recibirá como premio a cantidade en efectivo de 300 euros e actuará abrindo o Castelo Son o 23 de agosto en Culleredo, cun concerto dunha duración aproximada de 45 minutos. Durante as semanas previas ao evento incluirase na promoción e difusión nos medios do festival, con espazo propio na web.

PUBLICIDADE