O expresidente de Gowex comeza a declarar

luns, 14 de xullo do 2014 Redacción

A empresa Gowex pasou os días pasados por boa parte dos medios tecnolóxicos e de índole xeral, e non precisamente para salientar a fiabilidade das súas contas, tal e como reflectimos dende Código Cero. Co inicio desta semana, a compañía volve estar de actualidade co arranque das vistas encamiñadas á clarificación dos feitos e das cifras que levaron a Gotham City Research a pór en dúbida os datos económicos da española Gowex e valorar o prezo da súa participación en cero euros. Cómpre lembrar que a firma gabábase de ter acadado uns ingresos de 182,6 millóns de euros en 2013, cifra que foi desmentida por Gotham ao considerar que o 90% dos mesmos foron pura fachada. Para aclarar todo isto Jenaro García, fundador e expresidente de Gowex, comezou a declarar como imputado ante o xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz. Supostamente, García falseou as contas da empresa durante polo menos os últimos catro anos.
As roldas de declaracións por parte do fundador da compañía centrada en servizos Wi-Fi comezou este luns pouco despois das 10.30 horas. Segundo fan saber as axencias, o maxistrado solicitou previamente a García que trouxera o computador persoal e o teléfono móbil, aparellos que o que foi responsábel de Gowex xa tentou achegar ao Xulgado os días pasados logo de recoñecer o pasado domingo a falsidade das contas da compañía dende a súa saída a bolsa. Este feito, como lembraremos, desencadeou entre outras cousas a perda de confianza no Mercado Alternativo Bolsista no que a empresa cotizaba, por deixar en evidencia a súa falta de control (ocasionando unha caída das cotizacións das empresas en tal mercado de até un 23%).

PUBLICIDADE