O experto en elearning Stephen Downes, nun curso sobre aprendizaxe aberta e redes sociais na USC

luns, 8 de xuño do 2015 Redacción

Stephen Downes está considerado o creador do primeiro MOOC

Entre o 21 e o 24 de xullo desenvolverase na Universidade de Santiago de Compostela o curso de verán MOOC e Redes sociais. O A actividade convócase co obxectivo de fomentar o diálogo acerca destes espazos formativos, as súas posibilidades, limitacións e as condicións que se están a xerar no ámbito da universidade nestes últimos anos para o seu desenvolvemento a todos os niveis comunicativos e de participación. En palabras da organización, “proponse presentar a situación dos MOOC e o seu impacto real no ensino de hoxe, expor as metodoloxías de aprendizaxe máis idóneas para a implantación dos MOOC e amosar o impacto destes nos roles que xogan o alumnado e o profesorado no proceso de ensino”. Por certo que MOOC é o acrónimo en inglés de massive open online course e pódese traducir ao galego como curso en liña masivo e aberto.
Ademais presentaranse plataformas e ferramentas que facilitan a xestión e creación de MOOC, mostrando como as necesidades deste tipo de cursos requiren de novas solucións tecnolóxicas e desenvolverase unha serie de obradoiros formativos sobre o uso de ferramentas, metodoloxías e boas prácticas que permiten a creación de MOOC.
O curso contará coa presenza de Stephen Downes, un dos máis reputados e influentes investigadores no eido da aprendizaxe electrónica (elearning) e considerado o creador do primeiro MOOC. Ademais, haberá conferencias impartidas por prestixiosos pedagogos como Gráinne Conole, directora do Institute of Learning Innovation (University of Leicester), e Jordi Adell Segura, director do Centre d’’Educació i Noves Tecnologies dá Universitat Jaume I de Castelló; así como recoñecidos investigadores no ámbito do ensino telemático como Carlos Delgado Kloos, da Universidade Carlos III de Madrid, e Martín Llamas Nistal, da Universidade de Vigo.
O curso da Universidade de Santiago vén da man de Manuel Lama Penín e Adriana Gewerc Barujel, contando coa colaboración de Ana Rodríguez Groba, Almudena Alonso Ferreiro e Borja Vázquez Barreiros. Comezará o martes 21 de xullo para rematar o día 24 do mesmo mes.

PUBLICIDADE