O ex director da ETSE recibe a Insignia de Ouro da USC

xoves, 18 de abril do 2013 Marcus Fernández

Fotografía de Santi Alvite do acto celebrado esta mañá na ETSE

O Día da Escola celebrouse esta mañá no Salón de Actos da ETSE, nun acto aberto polo reitor da USC, Juan J. Casares Long, no que fíxose entrega da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago a Juan Lema Rodicio, ex director da ETSE, en agradecemento ao seu labor á fronte do centro, que axudou a pór en marcha en Compostela. A imposición da Insignia foi toda unha sorpresa para Lema, que acudira ao evento descoñecendo o que lle tiñan preparado os seus compañeiros aproveitando a celebración do Día da Escola.

Juan Lema agradecendo o recoñecemento recibido esta mañá - Fotografía de Santi Alvite

Foron testemuñas da entrega deste recoñecemento o actual director da ETSE, Antonio Mosquera; o presidente do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez; o resto do equipo de dirección do centro e os directores dos Departamentos.

Oposición ao borrador da Lei de Servizos Profesionais


Cómpre destacar a intervención de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, quen falou do futuro das enxeñarías ante a reforma da Lei de Servizos Profesionais, que de aprobarse nos termos recollidos no borrador suporía “un agravio inaceptable para as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática”. Suárez tamén amosou a súa preocupación ante “a cegueira dos nosos actuais gobernantes, quen, cando estaban na oposición, clamaron contra a discriminación á que o Goberno socialista sometía ao colectivo das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, e que agora fan caso omiso ás múltiples iniciativas aprobadas nos parlamentos autonómicos, Congreso dos Deputados e Senado a prol da Enxeñaría en Informática”. Tamén apuntou que todos os sectores da sociedade moderna apóianse na Enxeñaría Informática para o seu funcionamento e excluíla do resto das enxeñarías suporía “impedir que o país avance e progrese de xeito aceptado”, amais de restarlle garantías á sociedade e abrir a porta da emigración aos profesionais que porán o seu coñecemento ao servizo doutros países de prosperar o borrador da Lei de Servizos Profesionais.

PUBLICIDADE