O evento #Culturalike puxo de manifesto o poder creativo e divulgador das redes

luns, 13 de decembro do 2021 S. P.

A Cidade da Cultura acolle este sábado 11 a terceira edición do #Culturalike, un encontro promovido pola Xunta de Galicia para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en Internet. O faladoiro, que puido seguirse de xeito presencial e de balde na Biblioteca de Galicia e tamén a través de streaming, foi coordinado por dous grandes divulgadores da Rede, e comisarios da mostra na que se enmarca o encontro: os galegos Deborah García Bello, Deborahciencia, e Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista.
Para “afondar no papel actual das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico”, un dos grandes obxectivos da cita, contouse coa presenza da escritora Espido Freire, a bióloga especializada en neurociencia Tamara Pazos, a historiadora da Arte Sara Rubayo, o químico Juan Manuel Bermúdez ou a enxeñeira especializada en materiais sustentábeis Gemma Rojo.
Tamén interveu Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, quen subliñou o “grande valor de Internet como aliada e cómplice na creación, difusión e educación en cultura”, destacando o potencial das redes sociais para “rachar cos límites físicos; reforzar a democratización da cultura e sacar as disciplinas artísticas fóra dos espazos tradicionalmente establecidos”. Neste punto, salientou a importancia da mostra (habilitada no Museo Gaiás) Galicia futura, “un proxecto que encaixa á perfección coa filosofía deste encontro, e no que as tecnoloxías, a ciencia, as novas linguaxes artísticas, o diálogo entre distintas áreas do coñecemento e a creación de novos relatos dixitais, culturais e científicos teñen un peso destacado”.
O evento #Culturalike3 artellouse en dúas sesións con dous eixos diferenciados: a primeira sesión centrada no papel das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico (contando con relatoras como Sara Rubayo, historiadora da Arte e responsábel da canle de YouTube La Gata Verde; a escritora de orixe galega Espido Freire, recoñecida pola súa faceta dixital co Premio Influencers á “máis destacada figura cultural de 2018”; e a bióloga coruñesa especializada en neurociencia Tamara Pazos, coñecida nas redes como @putamen_T.
O segundo eixo foi a sustentabilidade aplicada a diferentes eidos creativos. Interviñeron Gemma Rojo, enxeñeira do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), da Universidade da Coruña, que investiga o desenvolvemento de formigóns máis sustentábeis, e Juan Manuel Bermúdez, doutor en Química Ambiental e Fundamental e investigador no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, e un dos descubridores da perovskiña, un material sólido refrixerante que pasa por ser unha alternativa ecolóxica, innovadora e segura aos refrixerantes gasosos que se empregan hoxe. Completou o programa Laura Opazo, comunicadora especializada en moda sustentábel, consumo intelixente e consciente, e a propia Deborah García Bello, que compaxina o seu traballo de investigación en Química coa divulgación a través de plataformas propias e medios de comunicación.

PUBLICIDADE