O evento CIBER.gal converterá Galicia nun gran foro sobre ciberseguridade

luns, 4 de outubro do 2021 S. P.

En novembro Galicia vaise situar novamente no eixe da investigación e o debate arredor das ferramentas, das metodoloxías e dos recursos que nos axudan a ter un progreso tecnolóxico o máis libre de ameazas posíbel. Estamos a falar do congreso CIBER.gal, que se celebra en novembro da man do Nodo Galego de Ciberseguridade (CIBER.gal), poñendo o foco na salvagarda de sistemas, comunicacións e informacións nos ámbitos da empresa, a cidadanía e as administracións. Así se fixo saber, a finais de setembro, durante o evento do terceiro aniversario do centro de innovación TEGRA Cybersecurity Center.
CIBER.gal, previsto para os días 10 e 11 de novembro na Cidade de Cultura de Galicia de xeito presencial e en streaming, ofrecerá obradoiros, conferencias e paneis de debate. Neste programa de actividades participarán institucións nacionais e autonómicas referentes neste eido tecnolóxico, relatores de renome no ámbito tecnolóxico, axentes clave da investigación e o coñecemento en ciberseguridade e as principais empresas tecnolóxicas de Galicia.
En datas vindeiras será publicada na súa web máis información ao respecto do cartel e a organización.
Como lembraremos, o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal foi constituído en xullo de 2020 como un espazo de cooperación público privado no ámbito da ciberseguridade e fundado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro Deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia.
Desde a súa constitución CIBER.gal sostén un obxectivo claro: fomentar a innovación no eido da ciberseguridade.
Entre as medidas expostas polo nodo no contexto do evento anual de TEGRA, salienta a iniciativa CybersSandbox, dirixida ao fortalecemento das capacidades de ciberseguridade das pemes e o impulso da industria eSecurity, e máis en concreto encamíñase “a pilotar de forma áxil solucións que dean resposta a retos identificados de forma previa co sector da ciberseguridade e das que se poidan beneficia un número relevante de pemes, micropemes e autónomos de Galicia”. Tamén se puxo de relevancia o apoio prestado pola AMTEGA, como entidade pública propulsora do nodo CIBER.gal e como unha das fundadores do nodo.
TEGRA Cybersecurity Center é un centro de innovación creado en 2018 da man de Telefónica e o Centro Tecnolóxico Gradiant e apoiado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación GAIN coa misión de mellorar a seguridade da información das empresas a través da tecnoloxía e situar a Galicia “como un axente relevante no ámbito da ciberseguridade, ademais de crear emprego cualificado neste sector de gran demanda e potencial crecemento”. O seu obxectivo é desenvolver produtos e servizos que optimicen a capacidade das empresas para protexer a súa información e as súas comunicacións, e facelo mediante técnicas de cifrado avanzadas, deseñando mecanismos de comprobación da identidade no acceso á información e ferramentas de análise de datos, ademais de sistemas de clasificación de documentación e de detección de accesos irregulares á información. Entre os seus últimos logros destacan a solución Stela Filetrack, co fin de protexer a información documental sensíbel nas organizacións, e a ferramenta FARO, para a detección de datos sensíbeis en documentos.

PUBLICIDADE