O estudio Fósforo e a Deputación de Lugo reivindican os Ancares cunha serie de viaxes sonoras na Rede

xoves, 4 de xaneiro do 2024 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co estudio de produción cultural Fósforo, Arte e Cultura, integrado polos artistas galegos Iria Acevedo e José Díaz, para visualizar e mostrar o patrimonio dos Ancares a través dunha serie de seis viaxes sonoras. Baixo o título Os Andares, este proxecto contará con 10.000€ da institución provincial e consiste en diferentes pezas en formato de docuficción que propoñen un percorrido polos concellos que conforman a comarca.
Tomé Roca enmarcou esta colaboración na aposta da Deputación por “un modelo de turismo de calidade, sustentábel, non masificado e atractivo durante todo o ano”. E puxo en valor “unha iniciativa interesante e innovadora que é respectuosa co medio e que ofrece unha experiencia diferente no territorio”.
Os diferentes sons desta serie poden escoitarse xa de xeito gratuíto na páxina webosandares.com, que conta con paradas na Pobra de Navia (Navia de Suarna), Penarrubia (Baralla), Torés (As Nogais), Castro de Santa María (Cervantes), Os Grobos (Becerreá) e Lagoa Maior (Pedrafita do Cebreiro). “Estas viaxes sonoras”, explicaron os autores, “son pezas de arte inmersiva ao aire libre e están contadas por actores e actrices que interpretan diferentes personaxes; o seu discurso altérnase con intervencións en primeira persoa dos veciños e veciñas que viven no territorio”.
Son 45 minutos por capítulo para ofrecer anacos de historia e arquitectura das diferentes localizacións, recollendo ademais as lembranzas e emocións das persoas que habitan e habitaron estes concellos e facendo compilación tamén da súa tradición oral, músicas e acervo cultural.
Dispoñíbel en galego, castelán e inglés, cada capítulo servirá para ampliar e completar a oferta turística de cada concello dos Ancares lucenses, aproveitando os propios recursos existentes en cada municipio.

PUBLICIDADE