O espazo de traballo colaborativo do Pazo de Arenaza organiza o Digital Transformation Day

mércores, 25 de setembro do 2019 Redacción

O Pazo de Arenaza (Deputación da Coruña) acollerá este 26 de setembro, en horario de mañá, o Digital Transformation Day, un evento organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e enmarcado dentro dos Tech Days de Arenaza, no que varios relatores de prestixio falarán da transformación dixital e as tecnoloxías da Industria 4.0 implicadas.
Durante toda a xornada, afondarase nos recursos TIC máis punteiros e en como poden aplicarse para xerar beneficio nas empresas. Trataranse temas como a análise rendíbel de datos a gran escala (Big Data), a ciberseguridade, as bases de datos compartidas (blockchain), a Realidade Aumentada e a Intelixencia Artificial. O evento é gratuíto e está aberto a todas as persoas interesadas, podendo inscribirse cubrindo o formulario que figura na páxina do web Pazo de Arenaza.
O programa da xornada estruturarase da seguinte maneira:
· 09:00 - O Big Data, por Guillermo López Taboada
Director executivo (CEO) e co-fundador de Torusware, empresa que desenvolve solucións tecnolóxicas Big Data e DeveOps. Ademais, é profesor asociado de Enxeñería Informática na Universidade da Coruña.
· 10:00 - Ciberseguridade, por Rafael Villaverde
Director executivo de Infonet, empresa dedicada a servizos e solucións TIC e especialista en soporte técnico, transformación dixital e ciberseguridade.
· 11:00 – Café
· 11:30 - Blockchain, por Daniel Cerqueiro
Experto en mercadotecnia e transformación dixital, amais de director de Procesos en Docuten, empresa con sede na Coruña e Madrid que proporciona servizos de sinatura dixital, factura electrónica e cobros, automatizando o ciclo de documentos de negocio.
· 12:30 - Realidade Aumentada, por Xoel Vázquez
Director executivo de Xoia Software Development, empresa arraigada no sector da Realidade Aumentada e Virtual que desenvolve produtos para todos os sectores.
· 13:30 - Intelixencia Artificial, por Eduardo San Miguel
Con máis de quince anos de experiencia en diversos sectores, é experto en intelixencia nos negocios e Big Data. Actualmente encárgase da área de Intelixencia Artificial en Barkibu.
· 14:30 - Creación de redes de contactos (networking)
O pazo
O Pazo de Arenaza é un espazo de traballo colaborativo (coworking) posto en marcha pola Deputación Provincial da Coruña no marco do seu Plan de emprego local (PEL). O seu funcionamento como espazo de traballo cooperativo comezou o pasado mes de abril e actualmente mantén todos os postos de traballo ocupados. Porén, o proceso para a presentación de solicitudes de acceso ao espazo encóntrase permanentemente aberto, xa que, no caso de recibirse novas solicitudes abrirase unha listaxe de espera. As instrucións de acceso pódense consultar na web do Pazo https://arenaza.pel.gal/gl como na web do Plan de emprego local: https://pel.gal/.

PUBLICIDADE