O encontro Vindeira Capital Network abre as súas portas este martes en Santiago

luns, 5 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Hotel A Quinta da Auga en Santiago de Compostela

O Hotel A Quinta da Auga (situado en Santiago de Compostela, na estrada que vai cara a Noia) acolle a partir do mediodía de mañá un evento encamiñado a achegar distancias entre os proxectos galegos TIC na bandexa de saída e os axentes internacionais con potencial de abondo para darlles pulo. Falamos da xuntanza Vindeira Capital Network, que organiza o Clúster TIC de Galicia, a plataforma Vindeira e o centro Gradiant. O encontro, que contará con algún dos máis salientables impulsores e investidores de negocio do panorama TIC da actualidade, será presentado ás 15.30 horas nunha rolda de prensa institucional que contará coa presenza de Ricardo Capilla, director xeral de I+D, Rafael Valcarce, presidente do Cluster TIC e Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Vindeira.
O dito encontro empresarial, que se celebra mañá e pasado mañá, dará acubillo a unha experiencia concreta de procura de investimentos. Máis polo miúdo, oito ideas de negocio previamente seleccionadas serán defendidas polos seus promotores na procura do apoio financeiro preciso para convertelas en realidades empresariais.
O auditorio destinatario destas presentacións será de gran potencial no que respecta ao pulo desexado: conselleiros delegados e directores de investimento dos fondos de capital risco e business angels especializados no sector TIC e situados na primeira liña do negocio dixital en España (e cuxo rango de investimento oscila entre os 100.000 e os 6 millóns de euros). Segundo informa o Cluster galego, os proxectos que participarán no encontro foron seleccionados de entre vinte aspirantes e abranguen un amplo abanico de nichos de mercado, que van desde o e-Goberno ata as redes sociais ou o gaming. A escolma foi realizada por un comité de avaliación que tivo en conta “a adecuación dos proxectos aos criterios e expectativas dos investidores que asistirán ao evento”.
Segundo engade o Clúster, a alta calidade das iniciativas presentadas fixo que o número de proxectos que finalmente os seus promotores poderán presentar ante os investidores se elevase desde os seis inicialmente previstos ata un total de oito. Entre os responsables de financiamento que se darán cita na xuntanza atópanse representantes das seguintes empresas: Active Venture Partners, Adara, Alta Partners, Bullnet, Emerxía, G8 Capital, Going, Highgrowth, Inveready, Perennius, Enisa, NEOTEC, DADE, Factoria Dixital de Ideas e Intercom. A estas quince entidades cómpre engadir axentes de capital risco galegos, como Xesgalicia, Crecentia, Unirisco e Vigo Activo.
O encontro desenvolverase en dúas xornadas e combinará relatorios e mesas de debate con dúas roldas rápida de presentación dos proxectos a cargo dos seus promotores (Elevator Pitch). Ao longo dos dous días de traballo, emprendedores e financiadores terán ocasión de manter encontros individualizados co obxectivo de concretar acordos que permitan a posta en marcha dos proxectos.
O emprazamento do encontro será, como dixemos, o Hotel A Quinta da Auga, Paseo da Amaia 23b na Urbanización Brandía, en Vidán (Santiago).

PUBLICIDADE