O emprendedor Raul Lois Carro comparte co secretario de Emigración os seus sistemas intelixentes

xoves, 15 de xullo do 2021 S. P.

A innovación empresarial ten en Galicia moitas frontes e vertentes, e unha das destacadas é sen dúbida a que provén dos galegos retornados. Este xoves 15 a Secretaría Xeral de Emigración compartiu detalles sobre unha iniciativa empresarial, Lois Engineering, que se centra no desenvolvemento de sistemas intelixentes integrados, que son a base do que se coñece como Industria 4.0.
O secretario xeral Antonio Rodríguez Miranda, visitou en Pontevedra a sede de traballo de Raul Lois Carro, que regresou de Alemaña en 2020 tras sete anos traballando nunha empresa adicada ao sector espacial, onde daba forma a instrumentos de medida para satélites.
Agora envorca a súa experiencia profesional nun proxecto para transformar, tal e como os coñecemos, os procesos industriais.
En concreto, a súa iniciativa empresarial céntrase no ámbito dos sistemas embebidos, sendo un dos seus obxectivos incorporar un pequeno software a un equipo convencional, definir a arquitectura do sistema, o seu deseño e a súa posterior implementación, posta en marcha e verificación. Deste xeito, este equipo convértese nun dispositivo intelixente e adquire capacidade para comunicarse con outros equipos.
“Trátase dunha parte fundamental de sectores como a Industria 4.0, a Internet ou a visión artificial”, explica Lois Carro, “e atópase presente en case todos os obxectos que usamos a cotío como os equipos médicos, os reloxos intelixentes, a demótica ou os asistentes de voz como Siri ou Alexa”.
Para a posta en marcha da súa firma contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 5.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.
O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles, como no caso de Raul Lois, de alta cualificación profesional, aportando innovación e traendo a nosa terra os contactos e coñecementos adquiridos, creando unha iniciativa de gran valor engadido”.

PUBLICIDADE