O eido aeroespacial achega Brasil á Universidade de Vigo

mércores, 5 de febreiro do 2014 Redacción

O campus de de Vigo acollía esta semana a visita de dous representantes do Centro de Referência em Sistemas Embarcados e Aeroespaciais (CRSEA), dependente do Instituto Federal Fluminense do Brasil. Máis polo miúdo, a estadía no campus vigués encamiñouse a coñecer as instalacións da Agrupación Estratéxica Aeroespacial na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación amais de manter unha sesión de traballo co vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias e o profesor Fernando Aguado. Deste xeito, Cedric Salotto Cordeiro -coordinador do Centro de Referência em Sistemas Embarcados e Aeroespaciais- e Rogerio Atem de Carvalho -coordinador adxunto- puideron ver de preto o proxecto Humsat-D e asistir a un dos pases do satélite dende a estación de seguimento.
Este achegamento entre o Instituto Federal Fluminense e a Universidade de Vigo nace froito dos mesmos obxectivos e liñas prioritarias de investigación no eido aeroespacial que as dúas entidades comparten. Estes puntos comúns converteranse en propósitos a tratar coa vindeira sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións para traballar conxuntamente en proxectos de investigación e en mobilidade de estudantes e investigadores.
Emporiso, unha vez asinado o convenio, a colaboración centrarase en dous eidos: no avance da cooperación en redes de seguimento de nanosatélites (xa que o CRSEA coordina a rede de Brasil, conformada por dez estacións de seguimento) e na colaboración de ambas equipas en plataformas e operación de nanosatélites.
Cómpre sinalar que o Instituto Federal Fluminense poñía en marcha en 2012 o Centro de Referência em Sistemas Embarcados e Aeroespaciais (CRSEA), unha unidade de referencia para a investigación e desenvolvemento de sistemas embarcados e aeroespaciais, creada en conxunto coa Secretaria de Educação Profissional e Tecnológica do Ministério da Educação (Setec/MEC) e co apoio da Agência Espacial Brasileira (AEB). Os principais obxectivos do CRSEA pasan por formar persoal cualificado a través da integración do ensino co I+D, xerando tecnoloxías innovadoras, colaborando para a nacionalización de hardware e software e espallando os coñecementos pola Rede de parceiros industriais e académicos.

PUBLICIDADE