O domingo sae á venda o primeiro número da revista satírica dixital O Botafumeiro

venres, 10 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro domingo, 12 de outubro, a banda deseñada vai ter un novo altofalante na Rede, unha nova publicación satírica que busca ocupar un oco deixado neste xénero no mercado galego que opta polo formato dixital seguindo os pasos de iniciativas como Orgullo y Satisfacción, que ousan por explorar estas novas canles de distribución para chegar ao público.
O Botafumeiro será unha revista dixital mensual, que ten como grande reto sumar o apoio dos lectores para conseguir converterse nunha publicación sustentable, algo cada día máis complicado no panorama editorial actual, e que leva aos autores a buscar vías distintas ás tradicionais.
Esta publicación dixital que nace “facendo país” xunta os talentos de autores galegos como Xiomara Correa, Alberto Guitián, Berto Fojo, Brais Rodríguez, Martín Romero, Manel Cráneo, Fernando Ruibal ou Jano, entre outros, incorporando a novas firmas nos seguintes números., e procurará dedicar cada número a un tema de actualidade, aínda que non todo o seu contido será banda deseñada, senón que tamén contará con textos de distintos colaboradores.
Para saber algo máis desta nova revista dixital en galego recomendamos achegarse ao último podcast do programa Metrópoles Delirantes da Radio CampUSCulturae, na que entrevistan a Jano e Rodrigo Cota, dous dos impulsores do proxecto, que dan conta das orixes desta iniciativa e explican as súas intencións con esta publicación que soubo escoller unha data bastante curiosa para nacer.

Jano visitou o programa Metrópoles Delirantes da Radio CampUSCulturae para dar conta do lanzamento de O Botafumeiro

PUBLICIDADE