O docente Xesús Lage amosará en Territorios Creativos a situación da industria cultural atlántica

xoves, 20 de xuño do 2013 Redacción

Co obxectivo de incentivar e promover as novas tecnoloxías da imaxe no chamado Arco Atlántico que abrangue Galicia, Norte de Portugal, Gales e Francia, nacía hai tres anos o proxecto internacional Imagina Atlántica. Esta iniciativa, durante os días 27 e 28 de xuño en Ourense, dará acubillo á Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos: Mellorando o noso Patrimonio. Nela, o docente da Universidade de Vigo -Xesús A. Lage, como responsábel do Grupo Territorios Creativos do proxecto- exporá a situación da industria cultural e marcará recomendacións de futuro para este sector.
Informar que a cita terá lugar no Centro Cultural da Deputación Provincial de Ourense, que é un dos socios do proxecto xunto á Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico, a Grand Angoulême, a Fundação da Juventude e a CAST Limited. Segundo subliñou Lage Picos, “dentro de Imagina Atlántica o meu papel foi coordinar, por encargo do Eixo Atlántico e durante un ano, un grupo internacional que tiña como obxectivo analizar a situación, o potencial e as oportunidades que achegan as industrias culturais, centrándonos no eido audiovisual e multimedia e tendo especialmente en conta a súa vinculación co desenvolvemento do turismo e do patrimonio”.
Asemade, os asistentes a esta actividade de Imagina Atlántica poderán coñecer de primeira man proxectos creativos de carácter multimedia e/ou audiovisual de éxito, algúns deles iniciativas piloto desenvolvidas no marco do proxecto en cuestión nos diferentes países participantes na iniciativa. Deste xeito, entre os obxectivos desta aposta estaban a posta en marcha de cinco proxectos piloto sobre xeitos innovadores de promoción dixital do Espazo Atlántico, amais da creación de contactos entre empresa, festivais, creadores e profesionais; da realización dun concurso internacional de arte dixital; da organización de programas de intercambio para novos profesionais e estudantes e da creación dunha plataforma web colaborativa.

PUBLICIDADE