O director xeral de contidos de Mediaset fala na Coruña da nova xestión televisiva

xoves, 22 de marzo do 2018 Redacción

Este 23 de marzo temos unha cita cos contidos dixitais e, máis ca nada, coas cousas que se están a facer para que a televisión que coñecemos (a de toda a vida) evolucione até converterse en algo completamente distinto: accesíbel, inmediato, adaptábel aos nosos gustos e a todo tipo de aparellos tecnolóxicos terminais. De todas estas cousas e da experiencia de Mediaset España falaranos esta sexta feira (venres) o galego Manuel Villanueva, director xeral de contidos da dita compañía, quen participará nunha charla ao abeiro dos Parladoiros Audiovisuais de AGADIC. A cita será no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia na Coruña.
Dirixida tanto a profesionais como a estudantes do sector, a sesión dará comezo ás 12,00 h. e será de entrada libre até completar a capacidade da sala.
Segundo informa a organización, o público terá a oportunidade de coñecer de primeira man a xestión de contidos de Tele 5, Cuatro e toda a oferta multicanle de Mediaset España. Cuestións como a permanencia do modelo de negocio da televisión xenérica en aberto, a súa convivencia coa oferta en liña e de pagamento, as tendencias dos formatos de lecer e a achega ás grellas televisivas do cine e a ficción de produción.
Nado en Marín, Manuel Villanueva atesoura unha longa e brillante experiencia na xestión de contidos en televisións públicas e privadas. Os seus primeiros pasos deunos na TVG, onde chegou a ser director de programas, para máis tarde ocuparse deste traballo en canles como Canal + ou Antena 3. Ocupa o seu posto de director xeral de contidos en Mediaset España dende o ano 2002, situando Tele 5 como a cadea televisiva líder en audiencia en España.

PUBLICIDADE