O director editorial de InfoLibre amosa a súa visión do xornalismo dixital en Compostela

martes, 10 de decembro do 2013 Redacción

O director editorial do diario dixital InfoLibre, Jesús Maraña, estará este 12 en Compostela para participar nun encontro con estudantes de Xornalismo acerca da viabilidade dunha comunicación independente, desligada até onde sexa posíbel de intereses económicos ou políticos. Na charla, ás 11.00 horas no Auditorio da Facultade, o xornalista estará acompañado do decano da Facultade compostelá de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira, e do redactor xefe de InfoLibre, Fernando Varela.
Lembrar que este medio de comunicación en liña é unha canle en castelán creada por profesionais procedentes, entre outros, do diario Público, El País e Radio Televisión Española, con liña editorial independente e progresista, e publicado por primeira vez o 7 de marzo de 2013. Ademais, trátase dun referente no eido de medios dixitais españois, tanto pola súa repercusión a nivel informativo (ocupa os postos máis altos dos rankings de independencia informativa) como polo modelo de negocio adoptado, parcialmente de pago e pechado para subscritores. Os abonados, por certo, reciben un avance diario de contidos cara á medianoite e unha revista mensual en papel e en formato dixital, TintaLibre, dedicada ás crónicas e reportaxes, e cuxo primeiro número saíu a venda o 9 de marzo de 2013.
Ao fío de TintaLibre e volvendo á cita de Santiago, dicir que previamente á celebración da mesma, o mércores 11 tanto o xornal dixital como a súa revista mensual en papel organizan en Santiago un coloquio sobre o futuro do xornalismo ceibe de intereses e presións nuns tempos de crise nos que, consideran, “a industria tradicional dos medios de comunicación dá mostras cada vez máis evidentes de debilidade económica e de entrega ao pensamento único”. Reflexionarán sobre isto o mércores ás 19.00 horas na Galería Sargadelos o propio Maraña, o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, e o líder de Siniestro Total e colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, Julián Hernández.

PUBLICIDADE