O director de Gradiant incorpórase esta semana á Academia Galega de Ciencias

martes, 1 de xullo do 2014 Redacción

O catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e director do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, Fernando Pérez, incorpórase este mércores 2 de xullo á Real Academia Galega de Ciencias, unha circunstancia que o investigador e docente galego cualifica de “gran honra” e “recoñecemento á miña traxectoria académica e profesional”. De feito, Pérez accede á Academia tras ser elixido por votación polos membros da mesma, a partir da proposta dun dos integrantes da entidade. O acto oficial de toma de posesión celebrarase no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela.
Fernando Pérez adiantou que nesta súa incorporación á Academia atópase “un apoio á actividade que se realiza en moitas das escolas de enxeñaría de Galicia, que tanto contribuíron ao desenvolvemento do noso país”. Con máis de 55 artigos publicados en revistas e máis de 150 conferencias internacionais con revisión, sendo citado en máis de 2.700 ocasións, o enxeñeiro vigués cre que a súa principal achega á Academia será “unha visión transversal do papel da ciencia na sociedade moderna”. Neste sentido e segundo informa a Universidade de Vigo a través do seu boletín, Pérez defende que a actividade científica cada vez máis debe servir para resolver os problemas que formula a sociedade, “de feito os enxeñeiros vivimos de resolver problemas”, e por iso asegura que porá a disposición da institución a súa experiencia, “que vai desde o artigo científico cheo de abstractas fórmulas matemáticas, ata a concepción e posta en marcha dun centro tecnolóxico como Gradiant, pasando pola transferencia de resultados e creación de empresas”.
Respecto do centro tecnolóxico Gradiant, ao fronte do cal leva aproximadamente sete anos, Pérez confirmou aos servizos de prensa da UVigo que está a traballar no seu relevo á fronte da dirección xeral do centro. E engade: “Despois de ver como os obxectivos que nos fixamos se cumpriron e sentadas as bases estratéxicas do centro para os próximos anos, chega o momento de ceder o testemuño”, explica, ao tempo que amosa o seu convencemento de que a innovación non se pode facer sen cambios.

PUBLICIDADE