O director da Fundación para o Ensino Virtual amosa no CiTIUS a potencialidade TIC para emprendedores

martes, 12 de febreiro do 2013 Redacción

Este mércores 13 de febreiro teñen en Santiago unha cita de primeira liña as persoas interesadas en emprendemento e, sobre todo, nos recursos en liña dispoñíbeis para axudarlles a converter unha idea/proxecto nunha empresa. O encontro Laboratorio EmprendeLab será no edificio CiTIUS da Universidade de Santiago, a partir das 12.00 horas. Contará coa presenza do ex reitor Senén Barro (presidente actual de RedEmprendia) e de Daniel Torres, director da Fundación Centro Superior para o Ensino Virtual (CSEV), que será o convidado especial da xornada e que falará, entre outras cousas, da evolución da figura do emprendedor na sociedade, “reconstruída de xeito progresivo nos últimos anos”, informa o CiTIUS. Non só a nivel de materias primas a empregar (non se concibe xa este labor sen un aproveitamento máis ou menos integral das ferramentas e canles 2.0), senón tamén de metodoloxías (trabállese un pouco como usuario TIC á procura de amizades e seareiros, todo isto aplicábel ao eido do mercado).
Segundo informa o centro de I+D compostelán, a cita servirá para tirar interesantes experiencias e visións acerca do emprendedurismo. Amais tamén haberá sorpresas, coas que se pretende “probar de que xeito o espírito emprendedor volve á primeira fileira da actualidade”. De feito, engade, estamos a vivir a que probablemente sexa a era das ferramentas a nivel de busca de nichos e de actividades de mercado. Estes recursos, non exclusivamente tecnolóxicos aínda que tamén, “están hoxe en día ao alcance de calquera persoa, e milleiros de emprendedores as empregan xa como pancas de medre persoal e profesional”. Na sesión establecerase “un intenso diálogo sobre estas cuestións”, aproveitando os instrumentos dispoñíbeis para varrer as tradicionais fronteiras entre os eidos da aprendizaxe, a participación cidadá, o goberno e a innovación aberta.
Sobre Daniel Torres
Daniel Torres Mancera é enxeñeiro de Telecomunicacións polo Instituto de Empresa, e Máster Executive MBA por ISEM (Universidade de Navarra). Dende hai 20 anos, traballa no ámbito de desenvolvemento de proxectos e negocios da Sociedade da Información, tanto no sector privado como na Administración Pública. Na actualidade dirixe a Fundación privada Centro Superior para o Ensino Virtual (CSEV). Antes de incorporarse a esta fundación, foi director do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (ONTSI), así como asesor do Secretario de Estado de Telecomunicacións. Como docente dirixiu áreas académicas en distintas escolas de negocios, colaborando asemade con numerosas organizacións non gobernamentais (ONG).

PUBLICIDADE