O dicionario en liña da RAG superou en 2017 os 15 millóns de visitas

xoves, 2 de novembro do 2017 Redacción

Sen dúbida un dos instrumentos tecnolóxicos galegos de meirande éxito na actualidade é o dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG), unha ferramenta que é, en si mesma, a proba do interese que suscita a nosa lingua na Internet, tanto para galegofalantes como para os que non o son, tanto para os investigadores, como para estudantes, como para cidadáns de a pé que queren resolver calquera dúbida relacionada cunha palabra galega. Hai probas palpábeis deste éxito? Pois segundo os últimos recontos feitos pola RAG, no que vai de ano xa se superaron os 15 millóns de visitas ao dito dicionario, o que certifica o interese crecente pola ferramenta, xa que en 2017 a cifra foi de 14,4 millóns.
Polo que respecta á cifra de consultas diarias, estaría nas 55.000. E no que atinxe ás aplicacións móbiles, estaríamos a falar de 1,6 millóns de visualizacións nas ferramentas para as versións Android e iOS. A previsión é que se remate o ano chegando ás 19 millóns de buscas.
Como lembraremos, a RAG (en colaboración coa Fundación Barrié) estreou en 2012 a versión dixital do seu dicionario, achegando no seu punto de partida máis de 56.000 termos en libre consulta. Dende aquela, a achega de novidades e servizos innovadores foi constante e non fixo máis que fortalecer a experiencia dos usuarios e o interese dos mesmos pola lingua galega. A estrea do dicionario tamén foi salientábel pola integración no seu seo do Dicionario de pronuncia da lingua galega desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega en colaboración coa CRTVG, o que fortaleceu o lanzamento con cumprida información sobre a pronuncia das palabras, as súas propiedades gramaticais, os sinónimos, os antónimos, o rexistro e outros datos de utilidade para o uso correcto da lingua.

PUBLICIDADE