O día 19 terá lugar unha folga informática

luns, 10 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Páxina web dende a que se convoca a folga do día 19

Nos últimos días está a promoverse un debate social especialmente activo na Internet por mor da convocatoria dunha Folga Informática para o vindeiro día 19 de novembro para reivindicar a regulación do exercicio profesional da Enxeñaría Informática de cara á adaptación ao Tratado de Bolonia.
As opinións a favor e en contra da mobilización son moi variadas, e polo momento parece que se vai realizar en varios lugares de Galicia e conta co apoio do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Dende a Facultade de Informática da Coruña convocan aos interesados a unha Asemblea para o vindeiro xoves, na que se tratará o estado actual das titulacións e se transmitirá a postura oficial da Facultade respecto á folga.
Para facerse unha boa idea de todo este conflito, recompilaron na web unha serie de preguntas e respostas nas que detallan os pormenores de toda a problemática, dun xeito bastante neutral, pero deixando moi claro que os alarmismos que apuntan á desaparición da Enxeñaría Informática están totalmente inxustificados, de xeito que máis que unha iniciativa relativa ás titulacións universitarias moitos ven unha loita a favor dos colexios profesionais de Informática e a regulación da profesión, o que parece bastante difícil a estas alturas, xa que se está a avanzar cara á heteroxeneización das titulacións en cada universidade española en vez de homoxeneizar a Enxeñaría a nivel estatal.
Ata o momento a Enxeñaría Informática é unha profesión sen atribucións específicas, o que non debería ser un grande problema se non fose porque os profesionais do sector consideran discriminatorio que os Enxeñeiros de Telecomunicacións si teñan atribucións definidas (e que coinciden con moitas das que terían os informáticos), aínda que segundo parece as atribucións de Informática si existirían, só que poderían cambiar en cada universidade española, o que non cambia o feito de que o exercicio da profesión non ten atribucións legais (o que historicamente pretenden cambiar moitos dos colexios profesionais españoles) pois as fichas de competencias que se están a aprobar estes días por parte do Goberno establecen contidos educativos (competencias académicas) e non competencias profesionais reais.
Procuraremos dar conta das mobilizacións da vindeira semana, así como das posturas dos colectivos galegos que se manifesten sobre esta polémica.

PUBLICIDADE